Xunta destina servizos anti incendios a desinfectar edificios mentres o lume golpea en varios concellos

Persoal do servizo de prevención de incendios, desinfectando unha residencia (Foto: Xunta).

Proliferan incendios mentres os recursos se dedican á desinfección de residencias e centros de saúde

Busto (Santa Comba), Avión, A Mezquita, O Corgo... nos últimos días a combinación do bo tempo coas altas temperaturas fixo que por diferentes localidades da xeografía galega proliferasen os incendios, sendo o de máis gravidade o declarado na parroquia de San Vicente de Leira, no municipio de Vilamartín de Valdeorras.

Este lume, iniciado –segundo datos da Consellaría de Medio Rural- o pasado día 30 de marzo ás 19.47 horas da tarde, xa afectou máis de 30 hectáreas e no seu control participaron catro axente, 10 brigadas, catro motobombas e un helicóptero.

Os servizos de prevención de incendios están desbordados desde a declaración do estado de alarma por parte do Goberno español, xa que ademais das súas labores habituais, agora tamén forman parte dos batallóns de loita contra o coronavirus, por exemplo desinfectando residencias ou centros de saúde, ou desenvolvendo outras tarefas de apoio como vixilancia de zonas de ocio no rural para garantir o confinamento, apoio ás residentes en espazos illados, remotos ou de difícil acceso ou distribución de material sanitario ou de alimentos.

Porén, e como declarara a propia Xunta da Galiza, “a súa función principal seguirá a ser a de prevención e extinción dos incendios que se poidan rexistrar, unha cuestión que está garantida”,din.