Medio Ambiente rexeita dous parques eólicos de Adelanta Corporación na Serra do Suído: estes son os motivos

Estas instalacións provocarían "cambios críticos" e irreversíbeis na paisaxe. (Foto: Pedro Sala)
Os proxectos Mancelo e Puza son, canda Albariño I e O Merendón, os únicos de entre máis dunha trintena que obtiveron unha DIA desfavorábel no que vai de ano.

Entre xaneiro e decembro de 2022 a Consellaría de Medio Ambiente resolveu máis dunha trintena de declaracións de impacto ambiental (DIA), das cales só catro resultaron desfavorábeis, sendo os restantes proxectos considerados "ambientalmente viábeis" por parte da dirección xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. As dúas primeiras iniciativas empresariais en ser rexeitadas este ano foron as denominadas Albariño I e O Merendón.

Estes dous parques eólicos foran obxecto de retramitación após varios anos esquecidos nun caixón e prevían situar as súas instalacións na contorna da serra da Groba. A primeira das iniciativas, Albariño I, presentábaa a compañía Ceólica Hispania S.L., que proxectaba nos termos municipais de Baiona, Oia e Tomiño seis aeroxeradores cunha potencia instalada total de 25,3 megawatts (MW). A segunda, O Merendón, fora promovida por Tiraventos S.L. entre Oia e O Rosal, con cinco muíños e 21 MW. As súas respectivas DIA apuntaban a danos "críticos e irreversíbeis" sobre o medio natural.

Esta quinta feira o Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle dúas novas declaracións de impacto desfavorábeis, asinadas ambas as dúas o pasado 6 de decembro e correspondentes aos proxectos Mancelo, nos concellos da Cañiza, Covelo e Avión, e Puza, entre A Lama e Avión.

Mancelo

Por unha parte, o parque Mancelo situaría tres aeroxeradores que sumarían unha potencia de 12,6 megawatts (MW) e terían unha altura de buxa de 112 metros e un diámetro de rotor de 136. Adelanta Corporación S.A., con domicilio social en Ourense, estaba detrás desta iniciativa perante a sociedade Alto de Mancelo S.L.. Un dos argumentos esgrimidos nesta DIA é o elevado impacto sobre a paisaxe, tal e como reiterou até en dúas ocasións o Instituto de Estudos do Territorio (IET), que alertaba da proximidade ás instalacións da área de especial interese paisaxístico (AEIP) da Serra do Suído e mais a do Río Deva, así como o miradoiro do Faro de Avión, a escasos 1,5 quilómetros de distancia.

A promotora propuxo despois reducir a altura de buxa de 112 a 105 metros, se ben o IET rexeitou a alternativa entendendo que non se producira "modificación ningunha" no proxecto, que se situaría nunha zona que conta con muíños de 55 metros de altura de buxa, polo que estas novas infraestruturas provocarían na AEIP do Suído "unha elevada intrusión visual, diminuíndo os valores estéticos e panorámicos da serra". Malia volver propor diferentes mudanzas, o IET remitiuse nun derradeiro informe ás súas conclusións previas e afirmou que o parque Mancelo produciría "cambios críticos do carácter da paisaxe, non susceptíbeis de seren mitigados mediante ningún tipo de medida correctora".

No que atinxe ao patrimonio cultural, a dirección xeral da Xunta deste ramo constatou que na zona de afección do parque eólico e na súa liña de evacuación "existen bens do patrimonio cultural que poden verse afectados polas obras da infraestrutura eólica". Aliás, o aeroxerador número 3 proxectárase "afectando parcialmente o contorno de protección de 200 m da necrópole tumular das Mámoas de Monte Mancelo", namentres o número 2 ficaría "a 40 metros dunha laxe na que se documentaron varias pías localizada no Alto do Mancelo". Porén, Patrimonio Cultural conclúe que o proxecto pode ser viábel realizando unha serie de modificacións.

A respecto da fauna e a flora, a dirección xeral de Patrimonio Natural sostén que o parque eólico sería tamén compatíbel co medio natural e a biodiversidade, valorando diferentes consideracións, malia afectar directamente hábitats naturais protexidos e varias especies animais consideradas vulnerábeis ou en perigo de extinción.

Puza

Caso semellante é o do parque eólico Puza, promovido por Alto de Puza S.L., compañía tras a que tamén está Adelanta Corporación S.A., mais neste caso cunha iniciativa de maior envergadura: doce aeroxeradores de idénticas dimensións aos de Mancelo e unha potencia total de 48 MW.

Do mesmo modo que no caso anterior, o IET, perante a emisión de diferentes informes en resposta ás modificacións valoradas pola compañía enerxética, concluíu finalmente que o proxecto Puza non é viábel en materia de integración paisaxística e territorial, por cuestións moi semellantes, ao tratarse de dous parques proxectados en emprazamentos moi próximos, na contorna da serra do Suído. E tamén de igual maneira que no caso de Mancelo, Patrimonio Cultural e Patrimonio Natural consideran compatíbel o proxecto.

Sobre esta cuestión xa alertara o pasado ano a Plataforma en Defensa do Sur da Dorsal Galega, que presentara unha serie de alegacións sinalando, entre outros aspectos, os "danos irreversíbeis que estes parques eólicos crearían nas turbeiras da zona e que, á súa vez, suporían danar os ríos e a propia subministración de auga das poboacións próximas".

Outro parque en Avión

Malia as resolucións ambientais negativas para os proxectos de Adelanta Corporación —que previsibelmente seguirán os pasos do previamente rexeitado na Groba, Albariño I, e serán anulados e arquivados se non se estiman as alegacións da compañía—, a Xunta da Galiza vén de autorizar (case) definitivamente outro parque eólico no concello de Avión.

Trátase de Uxo, promovido por Naturgy, que situará seis muíños de até 154 metros de altura e unha potencia total de 21 MW, entre as serras do Cando e, precisamente, O Suído, cuxa AEIP fica a apenas 400 metros ao leste destas instalacións, "adentrándose a poligonal do parque nunha pequena parte desta área", se ben neste caso o emprazamento natural "non se verá afectado nin polas infraestruturas do parque nin polas accións necesarias para a súa construción", argumentan desde a Consellaría.