Médicos da Primaria asinan un manifesto contra o "desmantelamento" do servizo

Centro de saúde de Maceda (Foto: Europa Press).
Máis presencialidade, centros de saúde "abertos e accesíbeis" e un incremento do orzamento até 25% do total de Sanidade, as principais reclamacións.

Máis de cincuenta entidades do ámbito sanitario de todo o Estado español veñen de subscribir un manifesto do que se fixo eco nesta sexta feira a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que salienta que o "deterioro" da Atención Primaria no país "vén producíndose durante anos antes da pandemia".

No documento, as e os profesionais do servizo público de saúde denuncian que esta situación é "consecuencia de decisións políticas" que derivaron nun "financiamento insuficiente" para a Primaria, así como unha "mala xestión" dos recursos.

"Se os atrancos continúan, atrasaranse máis as consultas, derivando as e os pacientes innecesariamente, e a Primaria perderá prestixio, sendo cada vez máis as persoas que acabarán recorrendo á sanidade privada, mais só as que poden pagala", critican.

Neste senso, cren que a escasa presencialidade —que a Consellaría fixa en 40%— afonda nas desigualdades sociais: "Terá consecuencias desastrosas para a poboación máis pobre, vulnerábel, vella e necesitada, porque é a menos dixitalizada, así como para o coidado de procesos agudos coma o cancro, cuxa visibilidade se dificulta, o que terá como consecuencia un aumento da morbilidade e a mortalidade", apuntan.

Ante esta situación, a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP), que asina o manifesto, propón unha serie de medidas para "recuperar o potencial e as capacidades da Primaria".

Así, instan a aumentar o orzamento deste servizo a 25% do total de Sanidade, ofrecer emprego "público e de calidade", garantir que os centros de saúde sexan "abertos, accesíbeis, próximos a toda a poboación e sen listaxes de agarda" e priorizar as consultas presenciais.

Tamén avogan, entre outras cuestións, por "desmedicalizar a Primaria e ofrecer atención cunha orientación comunitaria e de carácter social".

Manifestación nacional o 14 de novembro

Cómpre lembrar que o domingo 14 de novembro a plataforma SOS Sanidade Pública convida a cidadanía galega a participar nunha manifestación en Compostela —12 horas, na Alameda— para protestar contra o "desmantelamento" da Atención Primaria.