O Matilda Anderson de fotografía da USC pon o foco no feminismo

‘Unha soa voz’ de Rosalía Quiroga Trasorras foi a fotografía que obtivo o primeiro premio

‘Unha soa voz’ de Rosalía Quiroga Trasorras é a fotografía gañadora desta VIII edición do galardón

‘Unha soa voz’ de Rosalía Quiroga Trasorras é a imaxe gañadora da oitava edición dos premios de fotografía Ruth Matilda Anderson da USC, que veñen de se entregar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

Esta imaxe, apuntan desde a Universidade de Santiago, será utilizada pola USC como cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres no ano 2022.

A través do certame Ruth Matilda Anderson, a Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da USC indica que  procura sacar á luz o labor “historicamente invisibilizado que desenvolven as mulleres na sociedade e contribuír a deconstruír os estereotipos de xénero no relativo a traballos supostamente propios de mulleres ou homes”.

Baixo esta premisa, a edición 2021 deste galardón concedeu tamén un segundo premio a ‘Profesional’ de Rodrigo Díaz López e a ‘Muller espello’ de Adrián Vázquez Rodríguez. O primeiro premio está dotado de 1.000 euros; 800, para o segundo; e 500, para o terceiro.

“Coa elección de Ruth Matilda Anderson para dar nome a este certame, lémbrase a unha muller que fixo un traballo importante nun campo tradicionalmente desenvolvido por homes, e a súa destacable obra, na que se inclúe o retrato que Ruth Matilda fixo da muller galega dos anos 20”, explican dende a OIX.

Ademais, co conxunto de fotografías finalistas —obra das tres persoas gañadoras, así como de María Jesús Varela Pulpeiro, María Caseiro Arias, Laura Rubio Lareu, Guadalupe Jiménez Esquinas, José Carlos Iglesias Gómez, Guadalupe Lorenzo Otero, María Cristina Rueda Lesmes e Yara Martínez Cambra— elaborarase un calendario.

A igualdade na docencia e na investigación

DE por parte a USC tamén recoñeceu o traballo de María Bastida sobre o emprendemento feminino co primeiro premio da introdución á perspectiva de xénero en investigación, que pretende evidenciar “a fenda entre as políticas públicas e a efectividade, partindo da base de que as accións para mellorar o emprendemento das mulleres deben traducirse nunha crecente participación como propietarias de empresa”, explica a profesora da USC.

Nesta mesma modalidade de investigación, outorgouse un segundo premio a Teresa Moure  por “trazar unha historia alternativa e crítica da lingüística, ilustrando a participación das mulleres en oficios e saberes relacionados, como a tradución, a criptografía, a antropoloxía, a sociolingüística ou a filosofía da linguaxe”.   

Finalmente, o terceiro premio recaeu en Cristina Patiño Eirín pola edición e prólogo dunha  escolma de 35 relatos de Emilia Pardo Bazán que xiran en torno á violencia machista e que conforman “un abano moi rico e variado da casuística das violencias contra as mulleres”.