Masiva afluencia ás reunións sobre o impacto do parque eólico Caaveiro

O profesor Xavier Simón e o tenente de alcalde Iago Varela, na reunión informativa sobre o parque eólico Caaveiro

Preocupación veciñal en San Sadurniño, Cabanas, Neda e Fene polo proxecto de Enel Green Power para instalar un parque eólico de 14 macromuíños. O profesor de Economía Aplicada Xavier Simón explicou á veciñanza os efectos da instalación do macroparque.

A preocupación que está a xerar nos municipios de San Sadurniño, Cabanas, Neda e Fene o proxecto de Enel Green Power (filial de Endesa) para instalar un parque eólico de 14 macromuíños cunha potencia de 78 megawatts, quedou de manifesto nas tres reunións que nestes municipios decorreron esta fin de semana para coñecer o alcance real desta iniciativa.

O profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xavier Simón Fernández, membro ademais do Observatorio Eólico da Galiza, explicou os detalles dun proxecto impulsado polo Goberno español e que excede os 50 megawatts, limiar que marca o límite de competencia entre a Xunta e Madrid.

O tenente de alcalde do municipio de Cabanas, Iago Varela (BNG), cualificou de "produtivo" o encontro no seu municipio, porque "permitiu aclarar dúbidas entre as e os asistentes, sobre todo no que respecta a como afectaría, no caso de que se leve adiante, aos usos das parcelas en que se colocarán os aeroxeradores e mais nas parcelas próximas".

As repercusións sobre o patrimonio histórico, natural e paisaxístico tamén centraron as preguntas da veciñanza. Cabe lembrar que se prevé a instalación de 14 muíños que terán na subestación das Pontes o seu punto de conexión á rede.

Enel Green Power quere construír seis parques na zona noroccidental da Galiza, cunha potencia conxunta de 611 megawatts.

As entidades que se opoñen a estes  macroproxectos destacan ademais que non se localizarían nas áreas de desenvolvemento eólico deseñadas pola Administración galega.

As entidades e particulares teñen de prazo até 27 de xullo para presentar alegacións ao estudo de impacto ambiental.

44 proxectos eólicos na Galiza tramítaos o Estado

Dos máis de 130 proxectos de parques eólicos que se están a tramitar na Galiza a través da Xunta e o Estado, 44 son os proxectos que se atopan nas distintas fases de tramitación en Madrid.

Contra 36 deles a Xunta xa emitiu informes desfavorábeis por se atoparen fóra das áreas de desenvolvemento delimitadas no Plan Sectorial Eólico ou por impactaren sobre espazos protexidos. Un dos casos máis recentes é o de Pena do Corvo —Iberdrola—, cuxas infraestruturas, sumadas ás dos parques Caaveiro e Tesouro —ambos os dous de Endesa— cercarían as Fragas do Eume