A máscara deixará de ser obrigatoria en exteriores o 10 de febreiro

A ministra Carolina Darias, nunha rolda de prensa (Foto: I. Infantes / Europa Press).
O Ministerio de Sanidade adquirirá novas doses do fármaco antiviral de Pfizer e avanza que ten un acordo con AstraZeneca para outro medicamento.

Así o confirmou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, que anunciou na mañá desta sexta feira que a vindeira terza o Goberno estatal eliminará a obrigatoriedade do uso das máscaras en exteriores, logo de que se debata este asunto no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde a comezos de semana.

"Confirmo que a vindeira terza feira levaremos ao Consello de Ministros o Real Decreto en virtude do cal eliminaremos a obrigatoriedade do uso das máscaras no exterior", sinalou a ministra nunha entrevista na Cadena Ser.

Darias afirmou que o uso da máscara en espazos exteriores foi unha medida "útil" que fixo un "efecto barreira" ante o incremento constante de contaxios, se ben hoxe "os indicadores están a mellorar" e o nivel de circulación do virus "minguou arredor de 30%". O Goberno do Estado decidira volver estabelecer a máscara como obrigatoria no exterior o pasado 22 de decembro, antes do Nadal e da expansión de Ómicron.

Agora Sanidade entende que se dan as condicións para materializar unha das peticións máis reclamadas nas últimas datas por territorios como Catalunya, Madrid ou a Galiza.

Precisamente esta quinta feira o director da Oficina Rexional para Europa da Organización Mundial da Saúde (OMS), Hans Kluge, apuntou que o continente ten "unha oportunidade para tomar o control da transmisión" da Covid-19 debido á "unha gran inmunidade derivada da vacina e natural por parte de Ómicron, unha pausa estacional favorábel ao saír do inverno e a menor gravidade de Ómicron".

Para Kluge, é "posíbel" responder as "novas variantes que inevitabelmente xurdirán" sen volver instalar o tipo de medidas disruptivas que precisabamos antes. "A máxima prioridade é levar todos os países a un nivel de protección que lles permita aproveitar esta oportunidade e mirar cara adiante, cara a días máis estábeis", destacou.