Martiño Santos e Xosé Gontá, sumilleres: "A vocación do noso libro é ser unha guía de aprendizaxe"

Xosé Gontá, Martiño Santos (sumilleres) e Toño Núñez (ilustrador). (Foto: Arxina).
'A nación dos mil viños' chegará ás librarías en formato libro este mes de xullo da man de Laiovento. Foi, en orixe, o coleccionábel co que 'Nos Diario' inaugurou o 2022, 16 entregas asinadas por Martiño Santos e Xosé Gontá, creadores do espazo enocultural Vide, Vide!, en Compostela, mais o ilustrador Toño Núñez, que con esta publicación amplían a inmersión do público na esfera vitivinícola da Galiza.

A nación dos mil viños está a piques de saír do prelo cun formato adaptado mais con todos os contidos que o público lector de Nós Diario xa tivo ocasión de gozar. Que pouso deixou nos seus creadores aquel coleccionábel?
A idea de converter este traballo nun libro era previa ao coleccionábel, pero foi o resultado desa colaboración con Nós Diario e os comentarios que recibimos tras a súa publicación o que nos reafirmou na necesidade de facelo. Moita xente dirixiuse a nós para pedirnos ese material polo seu interese divulgativo. Para nós foi unha experiencia estupenda porque nos permitiu compendiar o noso propio coñecemento, sintetizar a nosa experiencia, ordenala e convertela nun manual de iniciación para calquera persoa que non ten idea de viño pero sabe o que lle gusta.

Detrás dos contidos hai moita información técnica, pero non é a vocación do libro ser unha obra para expertos, senón unha guía de aprendizaxe. Da man de Laiovento chega cun formato adaptado, con pequenos retoques, unha introdución e un glosario final que non mudan o traballo orixinal. 

Canto sabemos de viño na Galiza? Ou temos máis interese que coñecemento real?
Temos certo déficit de cultura do viño en comparación con outras zonas vitivinícolas de Europa. É o que se percibe non só desde o punto de vista do consumo senón tamén do manexo de variedades de uva, zonas xeográficas e o perfil de viños que dan cada unha delas. Cultural e socialmente o viño está moi arraigado na Galiza, pero en conxunto amosa algunhas carencias que A nación dos mil viños busca emendar.

Non hai nada igual no mercado editorial galego?
É unha novidade. Non hai nada así, un libro dirixido ao consumidor que lle permita introducirse no mundo do viño a través de dunhas nocións básicas de todos os elementos que entran en xogo na elaboración dun viño: desde a viña até a copa: solos, climatoloxía, viticultura, enoloxía, variedades de uva... Ademais, é un traballo que nos achega elementos históricos e culturais para contextualizar a importancia do viño, marcas, botellas, persoas produtoras e que fai repaso da xeografía vitivinícola galega; tamén para evitar confusións habituais entre albariño e Rías Baixas, como pensar que Ribeiro é un tipo de uva ou dubidar se albariño é unha uva ou unha zona de produción, presentes incluso nalgún ámbito profesional.

Trátase de seguir desfrutando do viño con mellor coñecemento.
Esa é a idea. Nós o que fixemos foi simplificar e facer accesíbel cada elemento que entra en xogo na produción dos viños. Todos son importantes, pero o clima é un dos que nos permite comprender mellor as diferenzas entre uns e outros. Nas catas sempre facemos unha primeira comparativa entre un viño da costa e outro do interior do mesmo perfil, que incluso empregan a mesma variedade de uva. A acidez que ofrecen os viños de Valdeorras ou Monterrei nada ten que ver cos que saen das zonas costeiras. Saber isto pódenos facilitar moito unha escolla en función dos nosos gustos, do acompañamento gastronómico ou do día.

Que representa a A nación dos mil viños para o proxecto enocultural Vide, Vide!?
A piques de facer 10 anos, o que nos permite esta obra é continuar a descuberta da nación a través dos viños. De aí procede título. Concibimos a nación como unha unidade con diversidade dentro de si, como algo diferente, cunha fundamentación histórica e política. O mundo dos viños galegos é iso: unha unidade moi diversa, claramente diferenciada do resto do Estado e Portugal por variedades de uva e outros elementos, con dous momentos históricos de expansión: o Imperio Romano, desde a Gallaecia, e a Idade Media, desde o Reino da Galiza. 

Encontro cos autores no Festigal

Este 25 de xullo, Día da Patria Galega, Martiño Santos e Xosé Gontá, sumilleres e fundadores do espazo enocultural Vide, Vide! no ano 2013 en Compostela, mais Toño Núñez, fotógrafo e ilustrador do libro A nación dos mil viños xuntaranse arredor da súa obra na galería das letras do Festigal. Será ás 18 horas no Campus Sur, en Compostela. Esta primeira cita co público marcará o inicio da distribución da publicación editada por Laiovento, que estará dispoñíbel en todas as librarías da Galiza.

O libro, como o coleccionábel de Nós Diario, é un convite á descuberta da cultura do viño, e con ela, "á descuberta da propia xeografía do país, das paisaxes, da historia". É un resumo do camiño andado, previo ao décimo aniversario de Vide, Vide!