As mariscadoras da ría de Arousa rexeitan a celulosa de Altri en Palas de Rei

María Porto, na mesa á esquerda, Xaquín Rubido e Marta Gontá, no centro, e Xulio Fernández e Isabel Vilalba, á dereita. (Foto: Nós Diario).

Máis de 30 colectivos sociais e profesionais compareceron onte no Salnés para expresar o seu rexeitamento ao proxecto de celulosa de Palas de Rei. As entidades presentan a pasteira como un problema “para a saúde e económico” e alertan do seu forte impacto no sector primario, no turismo e na hostalaría.

A preocupación do sector do mar da ría de Arousa é máxima diante da celulosa que o grupo Greenfiber proxecta en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, ás beiras do río Ulla. A presidenta da Asociación de Mariscadoras de Carril (AMC), en Vilagarcía de Arousa (O Slanés), María Porto, sinala a Nós Diario que “os problemas de falta de placton e de menor afloramento das augas que están afectado o marisco vanse agudizar no caso de pór en marcha esta celulosa ao aumentar as verteduras contaminantes á ria, polo que a situación vai ser aínda peor”.

Porto, que na xornada de hoxe participa nun acto en Rianxo (O Barbanza) organizado polo BNG sobre o impacto da planta da celulosa de Palas de Rei na ría de Arousa, lembra que “se vai consumir moita auga do río Ulla, polo que o caudal vai diminuír e a contaminación vai chegar menos diluída á ría”. Nesta liña, asegura que “se non a quixeron en Portugal é porque a empresa ten moitas multas por contaminación” e desvela que “o proxecto chega no peor momento para o marisqueo, canda a xente marcha do mar para traballar en terra pola falta de ingresos”.

A crise do marisqueo

A situación do sector do marisqueo na costa galega é limite. Unha parte das rías, como a de Noia ou Arousa, leva meses sen actividade, carecendo moitos profesionais de ingresos. Neste punto, as axudas de 550 euros por mariscadora anunciadas pola Xunta da Galiza no pasado mes de xaneiro, concretamente dous días antes da mobilización  contra a xestión dos pellets do Goberno galego, exclúen máis de 2.500 persoas con licenza para o marisqueo a pé ou a flote.

O biólogo e voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, partilla moitas das análises de Porto. Neste sentido, teme, en declaracións a Nós Diario, que se tente “sacrificar a ría de Arousa para facer unha fábrica de celulosa e en menor medida de lyocell en Palas de Rei” e alerta da “destrución de centos de postos de traballo no sector primario por unha fábrica que vai xerar moi pouco emprego”. Nesta orientación, na propia xornada de onte, o director do proxecto de Altri, Bruno Dapena, desmentiu as cifras de emprego directo avanzadas por Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda, que anunciaron 2.500 postos de traballo, reducíndoas a perto de 500. Porén, o proxecto presentado por Altri diante de Augas da Galiza só recoñece a creación de 200 empregos.  

Rubido, que participou onte en Carril nunha rolda de prensa convocada por ducias de colectivos que rexeitan a celulosa de Palas de Rei, entende que “nas actuais circunstancias de menor renovación da auga na ría de Arousa e dun marisqueo que está en caída libre, a pasteira de Altri pode ser a gota que colme o vaso”. A este respecto, alerta de que “unha carga tan potente de verteduras diminuirá a calidade das augas do río Ulla, que desemboca na ría de Arousa, e reducirá o seu caudal”, e repara en que “o sector pesqueiro está moi implicado no tecido económico e activa outros sectores de actividade”.

 

O impacto na gandería

O complexo agrogandeiro da Ulloa está convencido de que o proxecto de Greenfiber pon en cuestión a viabilidade de moitas explotacións de vacún. Nesta orientación, o responsábel do Sindicato Labrego Galego (SLG) na comarca, Xulio Fernández, explica a Nós Diario que “a instalación dunha celulosa na zona require dunha cantidade descomunal de eucalipto a 50 quilómetros da planta, o que vai desprazar o sector primario que pode haber”. Nesta liña, desvela  que “na Ulloa hai moitas explotacións de gando de carne en extensivo que fan parte da denominación de orixe Tenreira Galega, polo que unha diminución das zonas de pasto para outros usos, como a plantación de eucaliptos, deixa estas granxas sen futuro”.

Fernández, que tamén estivo presente na rolda de prensa de onte en Carril, pon no albo a situación das explotacións de leite. Nesta perspectiva, apunta que “a denominación de orixe Arzua-Ulloa é a segunda do Estado en produción de queixo, cuxo leite procede maiormente de granxas en extensivo da comarca”, polo que o proxecto podería por en perigo as queixarías da comarca.Ao tempo, destaca que “na zona hai moita produción ecolóxica, con granxas moi potentes como Maruxa en Monterroso ou Milulloa e Cernadas, en Palas de Rei”.

Os 34 colectivos que compareceron onte en Carril pretenden escenificar a alianza do sector primario galego en relación cunha actividade que na súa opinión implica “un cambio de modelo do país”. As entidades, entre as que se atopan organizacións profesionais do ámbito do marisqueo ou do mexillón, confrarías, asociacións ecoloxistas, sindicatos ou colectivos de afectados, inciden no “problema económico e de saúde” que representa a celulosa. A este respecto, Marta Gontá, portavoz da Plataforma Ulloa Viva, que actuou de voceira de todas estas entidades, sinalou que “Altri é incompatíbel co tecido económico e social da Ulloa, das comarcas limítrofes e dos concellos da zona de Arousa”.

O Camiño de Compostela

Marta Gontá asegura a Nós Diario que “está en xogo un modelo económico que beneficia catro persoas e outro que reparte os beneficios entre todos”. Nesta dirección, incide nos riscos da celulosa “para o sector primario, pero tamén para o sector servizos”, nunha comarca onde o turismo ligado ao Camiño de Compostela é unha das é unha das actividades económicas chave.  

 

Altri define a celulosa da Ulloa como unha “industria de enclave”

 A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) promoveu na xornada de onte en Santiso, Terra de Melide, un acto informativo sobre os impactos ambientais da celulosa que o grupo Greenfiber, participado de modo maioritario pola portuguesa Altri, pretende pór en marcha en Palas de Rei, na comarca da Ulloa. A palestra, onde participaron máis de 400 veciños da comarca, contou coa presenza da vogal de augas de Adega, Ana Santamarina, e do secretario técnico da entidade ecoloxista, Fins Eirexas.

Eirexas destacou que a celulosa de Palas de Rei é “unha cuestión nacional”. A este respecto, incidiu en que “isto non é un problema da comarca da Ulloa, nin do Alto Ulla é un problema galego, polo impacto na natureza do produción química, polos altos consumos de enerxía, polas verteduras contaminantes e pola elevada demanda de eucalipto”. Neste sentido, Eirexas indicou que “perpetuaría o cultivo de eucalipto na Galiza e que tería unha enorme demanda de auga que condicionaría o resto de usos en toda a bacía do Ulla”.

O directivo de Adega cualificou o proxecto de “colonial”. Nesta liña, insistiu en que “afecta o conxunto dos sectores produtivos, determina a política forestal para décadas e representa un modelo de país, un modelo colonial, que no propio proxecto Altri define como industria de enclave. Asemade, destacou que “isto é unha celulosa, unha celulosa de toda a vida”, e expuxo as dúbidas sobre a produción de lyocell, "un proceso sometido á propiedade industrial, onde só unha empresa conta coa tecnoloxía"