Adega advirte que o impacto ecolóxico da factoría de Altri "é unha cuestión nacional"

Acto de Adega sobre o impacto da factoría de Altri en Palas de Reis (Foto: Nós Diario).
A vogal de augas de Adega, Ana Santamarina, e do secretario técnico da entidade ecoloxista, Fins Eirexas, explicaron como pode proceder a veciñanza de aquí en diante e puxeron a disposición das persoas interesadas un modelo de alegacións para presentar contra o proxecto.

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), en colaboración coa Plataforma Ulloa Viva, promoveu esta sexta feira en Santiso, Terra de Melide, un acto informativo sobre os impactos ambientais da celulosa que o grupo Greenfiber, participado de modo maioritario pola portuguesa Altri, pretende pór en marcha en Palas de Rei, na comarca da Ulloa.

A palestra, onde participaron máis de 400 veciños e veciñas da comarca, contou coa presenza da vogal de augas de Adega, Ana Santamarina, e do secretario técnico da entidade ecoloxista, Fins Eirexas, que explicaron como pode proceder a veciñanza de aquí en diante e puxeron a disposición das persoas interesadas un modelo de alegacións para presentar contra o proxecto.

Trátase, en concreto, dunha factoría que prevé producir 400.000 toneladas de celulosa soluble e 200.000 de 'lyocell', un tecido fabricado a partir de pasta de madeira. A "macrocelulosa", da que a Xunta de Galiza vén de sacar a información pública o estudo de impacto ambiental, "prevé ser dez veces maior que Ence, e lindaría coa zona de especial conservación (ZEC) da Serra do Careón [nas comarcas da Ulloa e da Terra de Melide]", advertiu Adega.

Eirexas destacou que a celulosa de Palas de Rei é “unha cuestión nacional”. A este respecto, incidiu en que “isto non é un problema da comarca da Ulloa, nin do Alto Ulla é un problema galego, polo impacto na natureza da produción química, polos altos consumos de enerxía, polas verteduras contaminantes e pola elevada demanda de eucalipto”.

Neste sentido, o secretario técnico de Adega indicou que “perpetuaría o cultivo de eucalipto na Galiza e que tería unha enorme demanda de auga que condicionaría o resto de usos en toda a bacía do Ulla”. Ademais, cualificou o proxecto de “colonial”.

Nesta liña, insistiu en que “afecta o conxunto dos sectores produtivos, determina a política forestal para décadas e representa un modelo de país, un modelo colonial, que no propio proxecto Altri se define como industria de enclave".

Asemade, Eirexas destacou que “isto é unha celulosa, unha celulosa de toda a vida”, e expuxo as dúbidas sobre a produción de lyocell, "un proceso sometido á propiedade industrial, onde só unha empresa conta coa tecnoloxía".