"Un ataque ao corazón do interior da Galiza": rural e mar únense contra o proxecto de Altri

Rolda de prensa de Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Aurousa (Foto: Ulloa Viva).
A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ofreceron esta sexta feira unha rolda de prensa na que animaron a presentar alegacións ao proxecto de Altri en Palas de Rei.

A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa ofreceron esta sexta feira unha rolda de prensa na que trasladaron que a factoría que Altri que se pretende instalar no municipio de Palas de Rei (comarca da Ulloa) supón "un ataque ao corazón do interior da Galiza" e animaron a presentar alegacións ao proxecto.

Ambas as plataformas mostraron a preocupación conxunta do rural e do mar ante esta "ameaza para a sociedade e a economía" e volveron a insistir en que o proxecto "non é sostíbel ambiental, económica nin socialmente". Tal e como explicou a voceira de Ulloa Viva, Marta Gontá, as cifras publicadas o pasado 4 de marzo no Diario Oficial da Galiza (DOG) para a tramitación da Declaración de Impacto Ambiental (DÍA) sinalan que cando a factoría se poña en funcionamento "duplicarase o seu consumo de auga", á vez que "contaminará o aire, a terra e a pouca auga que quede".

"Esta contaminación vai aos nosos campos, ao ciclo da auga e acaba nos pozos. A isto sempre lle chamamos a peste. Tráennos a peste á porta de casa. Acabáronse as cebolas na Galiza, acabáronse as patacas, acábase todo. Só queremos defender o territorio e a nosa maneira de vida. Nós xa vivimos ben nesta contorna e non necesitamos de salvadores que veñan dicirnos como temos que vivir", argumentou.

Así mesmo, Gontá criticou que a Xunta da Galiza defina o proxecto de Altri para Palas de Rei como "proxecto tractor, redondo" ou "supersostíbel" e reprochou que acusen á Plataforma de "non querer facer nada no rural". Ante esta situación, a voceira defendeu que é "rotundamente mentira" e sostivo que si queren que se leven a cabo iniciativas no rural como as que fan, engadiu, "pequenas e medianas empresas que crean postos de traballo, redistribúen a riqueza e son sostíbeis".

Para Ulloa Viva, á factoría de Altri "vanlle regalar 250 millóns de euros de diñeiro público". "Se reparten estes 250 millóns nestas iniciativas, asegurámoslle que duplicamos a creación de postos de traballo con moi pouco esforzo, mais cremos que hai a quen non lle importa nada o rural, por iso este proxecto e por iso non veñen escoitarnos", criticou. Por iso, Gontá convidou ao presidente da Xunta da Galiza en funcións, Alfonso Rueda, a que poña "hora e sitio" para manter unha reunión coa Plataforma.

Captación de auga

Sobre a captación de auga para este proxecto, Gontá lembrou que Altri quere "46 millóns de litros de auga ao día" que, segundo apuntou, "vai levar de Agolada até Palas cunha tubaxe de 12,5 quilómetros atravesando máis de 300 leiras privadas polo medio de Rede Natura 2000". Desa cantidade de auga ao día, engadiu, o proxecto "prevé devolver 30 millóns de litros de auga ao río Ulla", mais Ulloa Viva cre que será "auga tratada na planta de Altri, mais contaminada". Neste sentido, o portavoz da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido, asegurou que os 11 concellos aos que abastece o río Ulla "van recibir directamente a auga que Altri quere contaminar no Ulla".

Impacto na ría de Arousa

Ademais do abastecemento a estes municipios, Rubido fixo referencia ao impacto que tería esta factoría sobre a actividade marisqueira na ría de Arousa. "É incompatíbel construír unha celulosa e pretender que sobreviva a ría de Arousa como realidade de biodiversidade e produtiva. A ría de Arousa produce 70% do mexillón da Galiza e Europa, se a Unión Europea quere subvencionar unha actividade que vai destruír un dos lugares máis produtivos do mundo, iso é evidentemente contraditorio, mais sería a consecuencia inmediata", denunciou. Por todo iso, as plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa fixeron esta sexta feira un chamamento á cidadanía galega para que presente alegacións, porque, insistiron, está en xogo "o modelo de país".

O prazo de presentación de alegacións ante a Consellaría de Economía ao proxecto de Altri en Palas conclúe o próximo 17 de abril. "Non nos imos a render. Altri en Palas de Rei é un ataque directo ao corazón do rural galego e non o imos a permitir. Temos claro que o proxecto é redondo para uns poucos, mais eses poucos non van decidir o noso futuro nin o dos nosos fillos. Terannos en fronte", reivindicou.

A empresa explicará o proxecto

Representantes de Greenfiber, a sociedade de Altri que se encargará de desenvolver o proxecto, desprazaranse a próxima semana aos municipios de Palas de Rei (A Ulloa), Melide (Terras de Melide), Agolada (Deza), Santiso (Terras de Melide), Antas de Ulla (A Ulloa) e Monterroso (A Ulloa) para realizar unhas xornadas informativas nas que presentarán a iniciativa.