A Mariña sae á rúa para reclamar unha sanidade "próxima e de calidade"

Mobilización onte en Burela convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Miles de persoas manifestáronse esta quinta feira nas rúas de Burela para reclamar unha sanidade pública próxima e de calidade, equitativa e universal. Malia o frío e a chuvia reivindicaron a sanidade como alicerce dunha comarca, a da Mariña, que non deixa de reclamar futuro e benestar para a súa veciñanza.

O historial de mobilizacións da Mariña en defensa da sanidade pública e dun futuro digno para a comarca sumou esta quinta feira un novo episodio. A veciñanza volveuse xuntar diante do Hospital da Costa, en Burela, para percorrer as rúas da vila contra o desmantelamento dos servizos sanitarios e os efectos que a perda acumulada de autonomía e recursos lle están a causar á poboación. 

"Non é a primeira vez que nos manifestamos con paraugas!". O tempo de inverno non arredou os centos de persoas que marcharon até a praza do Concello baixo o lema 'Contra o desmantelamento da sanidade pública,  convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña.

A súa iniciativa contou co apoio de diversos colectivos sociais e culturais da contorna así como de representantes de diversos sectores produtivos da comarca e mais das corporacións municipais de Foz, Barreiros, Viveiro, Burela, Trabada, Lourenzá e Valadouro. Ningún do PP.

Os encargados de pór voz ás súas reivindicacións ao remate da mobilización foron Carlos Fernández, médico xubilado, parte do servizo de coidados paliativos da comarca, e Loli Docobo, enfermeira do centro de saúde de Ribadeo.

Coa lectura do manifesto quixeron facer memoria do camiño andado na última década, da presión cidadá fronte á perda de autonomía da Atención Primaria en 2013, cando pasou a depender dunha xerencia única, hospitalaria, localizada no hospital de Lugo (HULA), contra a supresión da área sanitaria propia en 2017 e o "baleirado" de persoal e recursos tanto do hospital comarcal como dos centros de saúde.

O resultado deste devalo sanitario, di Montse Porteiro, voceira da plataforma sanitaria da Mariña, obsérvase na mingua de profesionais, no incremento das listas de espera e na mobilidade á que se vén obrigados moitos doentes para seren atendidos por persoal especialista, "a 100 quilómetros do seu lugar de residencia".

Atención hospitalaria

Perdéronse de vista as necesidades sanitarias e asistenciais da poboación, asegura, que é quen está a pagar as consecuencias dun novo modelo que racha coa proximidade e promove "as derivacións masivas cara a Lugo". 

Neste sentido, unha das áreas máis "lesionadas" é a da saúde mental. "Non temos hospital de día infanto-xuvenil nin unidade de prevención de suicidios nin  dispomos de unidade de agudos". Mais non é a única. A poboación segue a ser derivada para a implantación de marcapasos, para unha consulta de cirurxía vascular, de fisioterapia respiratoria infantil ou logopedia, "que segue a estar en mans privadas", advirte Porteiro, que pon o foco en esperas "imposíbeis de asumir".

Servizos como o de cardioloxía, traumatoloxía, reuma, uroloxía acumulan entre dous e tres anos de agarda. E o mesmo para unha ecografía. "A xente está descontenta e preocupada por agardas excesivas para cuestións elementais. É até inhumano" di.

Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, así como desde as corporacións municipais que esta quinyta feira secundaron as súas demandas poñen o foco nos cartos destinados ao seu hospital comarcal, que creceu en metros mais non en persoal.

Atención Primaria

Un centro, o hospital comarcal, que soporta a sobrecarga derivada da carencia de persoal médico, administrativo e de enfermaría que atravesa a Primaria; con cadros a 50% e sen pediatras para o coidado da poboación infantil. Barreiros, Viveiro, Cervo, Ourol, Riotorto foron exemplo nos últimos meses da perda asistencial que provoca a falta de cobertura por permisos de vacacións ou baixas.

Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros, destaca a situación límite dos concellos costeiros, sen reforzos de verán, con esperas de até 15 días para unha consulta no centro de saíde e axendas médicas de até 83 doentes diarios. "É fundamental frear o deterioro e mellorar a sanidade. Doutro xeito só teremos doentes de primeira e segunda".

A rexedora de Viveiro, María Loureiro, tamén censura un ataque "grave e continuado" á sanidade pública" que deixa os municipios "sen pediatras que miren polos nosos nenos e nenas".