Consello da Xunta

Rueda afianza a Comesaña ante a vaga de dimisións no Sergas

O presidente galego non variará a ponte de mando da Consellaría de Sanidade malia a vaga de dimisións estas semanas de responsábeis sanitarios en diferentes áreas e niveis. Alfonso Rueda afirmou onte que non fará cambios en Sanidade e defendeu que os problemas na sanidade "hainos en todo o Estado".
Alfonso Rueda, esta quinta feira, na súa comparecencia após o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, esta quinta feira, na súa comparecencia após o Consello da Xunta. (Foto: Arxina)

Alfonso Rueda compareceu esta quinta feira após o Consello da Xunta sen que tivesen pasado nin 24 horas das dúas últimas dimisións, até o de agora, de responsábeis sanitarios: o xefe do servizo de Neumoloxía do Hospital de Ourense e o presidente do Consello de Colexios Médicos da Galiza. Ao tempo que o presidente galego comparecía, a presidenta do Colexio de Médicos de Ourense, Pilar Garzón, non desbotaba novas dimisións na área sanitaria ourensá.

A preguntas da prensa sobre esta vaga de renuncias e as críticas ao titular da carteira de de Sanidade, Julio García Comesaña, Rueda defendeu o conselleiro —"fixo un esforzo moi importante e agardo que o siga a facer"— e desbotou realizar cambios na cúpula da Consellaría. "A día de hoxe, non o penso", manifestou, se vén apuntou que na Xunta "hai moitos cargos de libre designación, e polo tanto de libre revogación  e eu non podo garantir a estabilidade de todos para sempre".

O presidente quixo quitar ferro ás dimisións destas últimas semanas apuntando que no sistema sanitario galego hai "30.000 profesionais", e no caso das críticas do dimitido presidente do Consello de Médicos, apuntou a que dos catro colexios que integran o órgano, tres non partillaron eses "ataques" á política sanitaria da Xunta.

Para Rueda, os problemas que afectan o sistema sanitario galego, e que tamén están a provocar protestas e mobilizacións de persoas usuarias nas diferentes áreas sanitarias, responden a unha dinámica que afecta todo o Estado español, polo que a responsabilidade da situación recaería maiormente no Goberno estatal,  diluíndose a do galego.

Altri, proxecto estratéxico

Na súa comparecencia posterior á reunión semanal do Goberno, Alfonso Rueda informou da declaración do proxecto de Altri para Palas de Rei como "Proxecto Industrial Estratéxico". Unha iniciativa para a que volveu reclamar o apoio dos fondos europeos Next Generation.

O Consello da Xunta,  o derradeiro de 2023, tamén aprobou  o novo decreto sobre horarios e gardas para farmacias, que substituirá o vixente —de 1999— e acordou un proxecto para a mellora da cobertura de telefonía móbil —de voz, non de datos—no rural, que beneficiará 7.000 veciños e veciñas en 260 núcleos de poboación.  A declaración do Adro Vello do Grove como novo Ben de Interese Cultural (BIC) ou a autorización do convenio para a nova estación intermodal de Lugo foron outras cuestións aprobadas.

Fitos de 2022

A preguntas da prensa sobre os que Rueda consideraba "fitos" políticos de 2022, o presidente non dubidou en sinalar o "cambio na Presidencia da Xunta" e a súa chegada a ese cargo, que considera, dixo, "que forma parte da historia colectiva da Galiza".

Comentarios