O Orgullo percorre as cidades galegas para reivindicar as marxes: "A diversidade respéctase, protéxese e visibilízase"
Fronte aos discursos de odio, os ataques e o avance da extrema dereita, a comunidade LGBTIQ+ chama a continuar unha loita que free o retroceso dos dereitos conquistados.
Máis necesario ca nunca, o Orgullo desfilou este 28 de xuño polas principais rúas das vilas e cidades galegas. As marchas convocadas na Coruña, Vigo, Lugo, Ferrol, Ourense e Pontevedra fecharon unha xornada de reivindicación festiva que deixa o pouso dunha sociedade diversa, activa e firma contra as amezas do fascismo e os discursos do odio.
A Asociación Alas A Coruña convocou na praza de Ourense centos de persoas que, baixo o lema "20 anos avanzando en dereitos: alén das grandes cidades", camiñaron xuntas cara a María Pita, onde a organización lembrou o importante papel que tivo a aprobación do matrimonio igualitario en 2005, cerna doutros dereitos logrados ao longo dos últimos anos.
Esa mudanza lexislativa "supuxo un paso xigante cara a unha sociedade máis libre, máis xusta e máis igualitaria. Aquelas mobilizacións, aquelas historias, aqueles amores visibilizados, foron sementes de dignidade que aínda hoxe florecen. A liberdade de amar e construír un proxecto de vida con quen queiras é un dereito que defenderemos sempre", salientaron no manifesto final.
O Orgullo da Coruña, como no resto das cidades, contou co apoio do movemento feminista xunto a entidades sociais, sindicatos e partidos políticos, que recalcaron a necesidade de seguir desenvolvendo políticas que garantan a igualdade das persoas LGTBIQ+, independentemente do seu lugar de residencia. "A diversidade non se tolera, respéctase, protéxese e visibilízase".
Unha loita imprescindíbel
Un obxectivo que require unha loita constante, "xa que este ano baixamos ao quinto posto no índice ILGA-Europe Rainbow Map, que indica a situación do colectivo en cada país europeo en canto a dereitos. Non é casualidade: é síntoma do retroceso e da falta de implementación de políticas que protexan da violencia e garantan a non discriminación das persoas do colectivo".
A comunidade LGTBIQ+ alerta de síntomas e cambios reais que supoñen unha ameaza para os dereitos conquistados, como "o branqueo dos discursos de odio da extrema dereita". Un claro exemplo, sinalaron, "é a situación que se está a vivir no País Valencià, o PP e Vox veñen de desmantelar a Lei Trans e LGTBIQ+, eliminando artigos fundamentais sobre educación, sanidade e protección legal, abrindo a porta a prácticas tan perigosas como as terapias de conversión".
A visibilidade, dignidade e compromiso real cos dereitos humanos transcende as fronteiras. No Día Internacional do Orgullo, Hungría acaparou as miradas de medio mundo. Budapest desafiou cunha marcha multitudinaria a prohibición de Viktor Orbán para reclamar a derrogación da lei que criminaliza a "promoción" da homosexualidade.
Hungría fixo parte dos discursos do Orgullo na Galiza, mais tamén Bulgaria, que penalizan educar en diversidade, privando deste dereito básico ao conxunto da comunidade educativa; ou os Estados Unidos, onde a comunidade trans é obxectivo de ofensivas legais sistemáticas que vulneran os seus dereitos máis básicos. "Os dereitos non se negocian, deféndense nas rúas, nas institucións e nas escolas".
Tampouco faltaron as mostras de solidariedade con Palestina e o pobo de Gaza. "Sen xustiza non hai paz, e sen dereitos humanos non hai liberdade posíbel. A loita LGTBIQ+ é inseparábel da loita por un mundo sen opresións nin colonizacións", clamaron na Coruña.
Mais tamén en Vigo, onde a asociación Nós Mesmas e Avante LGBT encabezaron a manifestación do Orgullo crítico baixo o lema "Liberdade para o pobo, orgullo e loita" que finalizou na Porta do Sol con música en directo e festa. As bandeiras palestinas compartiron protagonismo coas da comunidade LGBTIQ+ ao longo da marcha reivindicativa para condenar o masacre de Israel sobre Gaza.
A indiferenza ante as guerras non é unha opción, como tampouco o é ante os ataques e os discursos de odio contra calquera avance ou expresión natural de quen quere ser, sentir e amar libremente. Eses discursos non son alleos á realidade máis próxima, destacou a voceira de Nós Mesmas, Elisabet Pérez, quen puxo o foco no colectivo de persoas trans, un dos máis castigados polo negacionismo e a violencia física, verbal e psicolóxica.
En Pontevedra a gran manifestación percorreu varias rúas da cidade baixo o lema "Nin un paso atrás, nin unha letra menos!". "Orgullosas e combativas" marcharon en Ferrol para reivindicar "dereitos para todas", mais tamén espazos seguros, atención sanitaria inclusiva e educación en igualdade e diversidade que dea visibilidade a todas as realidades: trans, racializadas, migrantes e non normativas, e en todos os espazos, tamén na contorna rural.
En Lugo o Colectivo Avante LGBT reivindicou as marxes. "Vivan as marxes: loita e Orgullo" foi o lema escollido para percorrer as rúas da cidade que desde a Concellería de Muller, Igualdade e Inclusión complementaron coa campaña 'Lugo sen armarios', visíbel dentro e fóra da muralla.

