Ducias de miles de persoas toman as rúas de Budapest contra o veto de Viktor Orbán á marcha do Orgullo
Ducias de miles de persoas marcharon este sábado polas rúas de Budapest no 30 aniversario do Desfile do Orgullo malia as advertencias de "consecuencias legais" lanzadas polo primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán.
A marcha transcorreu con relativa normalidade e nun ambiente festivo a pesar da tensión, no medio de protestas de organizacións conservadoras e de extrema dereita que denuncian a "propaganda" LGTBI e reivindican a protección da infancia.
Libertad. Liberte. Freedom. Budapes pic.twitter.com/MVOXYcK9qb
— Agnes Callamard (@AgnesCallamard) June 28, 2025
As organizacións convocantes, Amnistía Internacional Hungría, Sociedade Háttér, Comité de Helsinqui Húngaro, a Fundación Misión Arco da vella e a Unión polas Liberdades Civís Húngara, anunciaron unha participación récord. "Este evento foi un dos fitos máis importantes para a comunidade LGBTI", salientou Máté Hegedüs.
A marcha comezou ás 15 horas en Buda, no Parque do Concello, e percorreu o bulevar do Museo, a praza Kálvin e o bulevar Vamhaz para atravesar o río Danubio pola ponte Szabadság, deixando unha das imaxes máis icónicas do percorrido cunha ponte ateigada de xente. Ao terminar a marcha están previstos discursos e actuacións musicais que continuarán á noitiña.
A Policía informou de que a marcha estaba prohibida amparándose nunha lei aprobada polo Parlamento húngaro que di procurar a protección de menores e que restrinxe as concentracións que fomenten a visibilidade da homosexualidade. Orbán descartou calquera posibilidade de violencia, pero advertiu de posíbeis "consecuencias legais" para os asistentes.
"Non se debe usar violencia física", dixo Orbán, nunha entrevista radiofónica na que cargou contra o Concello de Budapest, liderado polo alcalde e opositor Gergely Karácsony, por manter a cidade nun estado de "caos" e "bancarrota".
Is this Orban's Hungary? Hell no.
— Nagy Attila Károly (@nattilak) June 28, 2025
❤️🧡💛💚🩵💙💜#BudapestPride2025 pic.twitter.com/RZ2UUpxSXh
O primeiro ministro húngaro xa saíra ao paso a quinta feira en Bruxelas das críticas internacionais para sinalar que Hungría é "un país civilizado no que todo o mundo ten o dereito para reunirse e a expresar a súa opinión", aínda que tamén resaltou que, por encima de calquera dereito, debe estar "o dereito á protección dos nenos".
Porén, representantes de máis dunha vintena de países da Unión Europea xuntáronse este 28 de xuño en Budapest para censurar a lexislación húngara, contraria aos dereitos da comunidade LGBTIQ+. Entre os asistentes están a comisaria de Igualdade, Hadja Lahbib, así como eurodeputados e deputados de varios países europeos, incluída a vicepresidenta segunda do Goberno español, Yolanda Díaz, ou o ministro de Cultura, Ernest Urtasun.
Pride à Budapest : 200 000 personnes 🏳️🌈 et un Orbán en PLS. pic.twitter.com/5RHFwEcmCV
— Emma Fourreau (@emma_frr) June 28, 2025
"Consecuencias legais"
Os convocantes arríscanse a penas de até un ano de prisión mentres que os asistentes poderían ser multados con até 500 euros cada un, e a Policía está autorizada para empregar programas de recoñecemento facial para identificalos. Con todo, segundo informan medios locais, as cámaras de recoñecemento facial instaladas para impor sancións estaban nun treito que as persoas participantes na marcha do Orgullo evitaron por orde policial, ao seren desviadas polos axentes entre intentos de bloqueo.
Cómpre lembrar que ao tempo que a Policía prohibiu o desfile do colectivo LGBTIQ+ autorizou dúas mobilizacións da ultradereita con percorridos similares ao do Orgullo que ameazaban con boicotear esta celebración. Porén, os ultras víronse superados por moito e as súas protestas pasaron desapercibidas en varios tramos do camiño, como na emblemática ponte Erzsébet.