Budapest desafía Orbán e celebrará o Orgullo prohibido fronte á regresión dos dereitos LGBTIQ+
O Orgullo prohibido por Orbán segue en pé. A Policía de Hungría insistiu a pasada quinta feira en que o desfile previsto para este sábado, 28 de xuño, non está permitido despois de que o alcalde de Budapest, Gergely Karácsony, anunciase que a celebración se mantén malia a lei antiLGBTIQ+ promovida polo Goberno do primeiro ministro Viktor Orbán.
O xefe da Policía de Budapest, Tamas Terdik, explicou nun informe que actúan "no marco das súas competencia como autoridade para regular reunións públicas" despois de que Karácsony tentase eludir a lexislación que prohibe calquera tipo de exhibición pública que poida ir en contra dos valores e comportamentos que, segundo o oficialismo, deben expoñerse ante os menores de idade.
Porén, após tres décadas de celebración do Orgullo, a capital húngara asegura ter máis motivos que nunca para se manifestar contra a regresión de dereitos da comunidade LGBTIQ+. Neste sentido, e malia a advertencia das "consecuencias legais" coas que ameaza o Goberno en caso de se producir e mesmo participar nun acto prohibido, Karácsony respondeu en redes sociais que o desfile é un evento municipal organizado polo Concello en colaboración coa Fundación Misión Arco da vella e que seguirán adiante coa celebración, a pesar das presións e ameazas de boicot por parte da ultradereita, que conta con dúas marchas autorizadas este sábado con percorridos similares ao do Orgullo.
O texto publicado pola Policía sinala que debido ao seu carácter de evento público existen posibilidades de que "unha persoa menor de 18 anos" poida estar exposta a "unha conduta prohibida a nivel legal" durante o percorrido da marcha. O alcalde, que alegara anteriormente que no desfile de Budapest non habería camións nin bailaríns, así como tampouco "ningunha mostra de sexualidade" e por iso asegurou que mantería o evento a pesar da lei impulsada polo Goberno. "A liberdade e o amor non se poden prohibir", sinalou nunha mensaxe publicada en Facebook.
Ningún cidadán a salvo
Karácsony xa defendeu a pasada fin de semana durante un discurso polo desfile LGBTIQ+ en Viena que "se se pode vetar o Orgullo nun estado membro da Unión Europea" entón "ningún cidadán europeo estará a salvo". Un aviso que volve instar a comunidade europea, despois de que o mes pasado unha vintena estados membro da UE secundaran unha carta pública na que pedían a Orbán derrogar a lei aprobada en marzo no Parlamento e que limita este tipo de eventos, unha medida que segundo o Goberno de Hungría so busca protexer a infancia, pero que apunta directamente cara á comunidade LGBTIQ+.
Nas últimas horas o primeiro ministro instou ao cumprimento das leis en relación á marcha do Orgullo, aínda que descartou que as forzas de seguridade vaian cargar contra os manifestantes. "Non se debe usar violencia física", indicou Orbán esta sexta nunha entrevista radiofónica na que cargou contra o Concello de Budapest, liderado por un alcalde opositor, por manter a cidade nun estado de "caos" e "bancarrota".
O primeiro ministro húngaro xa saíra ao paso a quinta feira en Bruxelas das críticas internacionais para sinalar que Hungría é "un país civilizado no que todo o mundo ten o dereito para reunirse e a expresar a súa opinión", aínda que tamén resaltou que, por riba de calquera dereito, debe estar "o dereito á protección dos nenos". Porén, Budapest será este 28 de xuño punto de encontro para unha importante representación oficial de varios países europeos.
Representación oficial da UE en Budapest
A vicepresidenta Yolanda Díaz e o ministro de Cultura Ernest Urtasun viaxaron esta sexta feira, onde este sábado continúan cun programa de actividades que inclúe un encontro co alcalde da cidade Gergely Karácsony. Quen non asistirá finalmente ás celebracións e ás reunións de traballo será a Ministra de Igualdade, Ana Redondo, cuxa cancelación do voo que a ía levar ateé Hungría frustrou os seus plans.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, fixo un chamamento ás autoridades húngaras para que permitan a celebración do desfile do Orgullo en Budapest. "Quero expresar o meu total apoio e solidariedade ao Orgullo de Budapest", dixo Von der Leyen nun vídeo publicado na súa conta de X, desde o que asegurou que a UE sempre estará ao lado da comunidade LGBTI. "Europa é máis forte e máis rica grazas a vós", dixo.

