A marcha de Ence, "máis perto" malia que a empresa recorrerá o fallo

Centos de persoas participaron na manifestación convocada pola APDR o pasado 4 de xullo (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
A APDR e o Concello celebran o último fallo, mentres o Goberno estatal xa fala de buscar un novo emprazamento á papeleira e a Xunta volve defender a continuidade de Ence en Lourizán.

A Audiencia Nacional vén de emitir un novo fallo —o terceiro, após os xa resoltos presentados polo Concello de Pontevedra e Greenpeace— no que estima o recurso da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) contra a prórroga da concesión a Ence outorgada polo Goberno en funcións de Mariano Raxoi en 2016, que autorizaba a papeleira a ficar en Lourizán até 2073.

Para o presidente da APDR, Antón Masa, esta sentenza podería ser a "definitiva": "Vén dicir o mesmo que as anteriores, que a prórroga de Ence é ilegal, polo que a nosa valoración é moi positiva. Reforza a idea que defendemos desde o principio, polo que, malia que aínda poden acudir ante o Tribunal Supremo, cremos que hai moitas posibilidades de que non se admita o recurso. E no caso de admitilo, é moi difícil que emita un fallo no sentido oposto", explica, en conversa con Nós Diario.

Neste senso, salienta que "cando a sentenza da Audiencia Nacional sexa firme, terá que empezar a demolición" da planta, algo que o colectivo ambientalista data no ano 2023.

Masa lembra que, segundo a Lei de costas, só se permite a ocupación do dominio público marítimo-terrestre "para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outro emprazamento", algo que no caso de Ence non está xustificado, segundo expón o último fallo xudicial. "Pode ser por conveniencia ou por intereses empresariais, mais non por natureza. A de Lourizán é a única papeleira que ocupa o dominio público, algo que non acontece nin na planta de Ence en Navia (Asturies)", afirma.

"Cómpre ir pensando no desmantelamento da fábrica e traballar no traslado nas mellores condicións posíbeis", di Carme da Silva, concelleira do Goberno pontevedrés

Así e todo, a concelleira do Goberno local de Pontevedra Carme da Silva, convida a "ir pensando" no desmantelamento da factoría e, paralelamente, traballar no seu traslado "nas mellores condicións posíbeis".

Da Silva demandou "sentido común" tanto a Ence como á Xunta da Galiza, a fin de dar "pasos contundentes e definitivos" na saída da papeleira de Lourizán. "Para que se dea ese futuro que todas ansiamos, sen perder os postos de traballo, hai que traballar en serio no traslado, para que se poida manter esa actividade noutro emprazamento con perspectiva de futuro arredor do sector forestal", defendeu.

A Xunta, pola súa banda, insiste en integrar os terreos da fábrica no ámbito de competencias do Porto de Marín, cuestión que trasladou a pasada semana ao Consello Consultivo da Galiza. Para a edila pontevedresa, é "unha porta que se fechou hai moitos anos", polo que explorar esta posibilidade supón "xogar coas esperanzas" das e dos traballadores.

Tamén Antón Masa critica, neste senso, que o Goberno galego "defenda a capa e espada" os "intereses" de Ence: "A empresa, a Xunta e os traballadores buscan responsábeis onde non os hai e acúsanos á APDR, ao Concello e a Greenpeace, mais nós o único que exiximos é que se cumpra a lei. A culpa é de quen asinou unha prórroga ilegal", asegura.

"Falarmos de demoler edificacións é unha insensibilidade absoluta. Non sei se o Goberno estatal é consciente de que moitas familias traballan alí e o que están a demoler son postos de traballo", lamentou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.

Noutra orde, o delegado do Executivo estatal na Galiza, José Miñones, apuntou que o Estado "non irá en contra dunha sentenza xudicial", ao tempo que afirmou que buscar outro emprazamento á factoría "é posíbel".

Ence evita pronunciarse, mais recorrerá o fallo

Fontes de Ence consultadas por este xornal preferiron "non facer valoracións" a respecto deste último fallo. Porén, a empresa anunciou que presentará un recurso de casación ante o Supremo, algo que xa fixera após coñecer as respectivas sentenzas favorábeis aos recursos de Concello e Greenpeace.