Unha nova sentenza da Audiencia Nacional considera tamén nula a prórroga de Ence en Pontevedra

Mariscadora diante de Ence. (Foto: Salvemos Monteferro)
A Sala do Contencioso-Administrativo da AN emitiu outro fallo no que estima o recurso da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) e anula a prórroga da concesión

A Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional emitiu outro fallo no que estima o recurso da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) e anula a prórroga da concesión a Ence en Pontevedra, que foi concedida polo Goberno de Mariano Raxoi en funcións. Está en consonancia co xa sentenciado o pasado verán a raíz, nese caso, dos recursos de Greenpeace e o Concello de Pontevedra.

Precisamente, no fallo remítese aos fundamentos xurídicos dos recursos previos, debido a "razóns de unidade de doutrina e seguridade xurídica".

Neses casos, a sala xa consideraba que a resolución de 20 de xaneiro de 2016 da directora xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar non xustifica, como esixe a Lei de Costas, que a papeleira, pola súa natureza, non poida ter outra localización.

Así, a Audiencia indica que de acordo coa proba pericial practicada despréndese que a auga doce, nun determinado volume, é un recurso necesario e imprescindíbel para o proceso produtivo das plantas de pasta de papel Kraft con branquexo, como a de Ence Pontevedra, así como a proximidade a recursos hídricos (auga salgada ou doce) para a evacuación da vertedura, "mais non que ditas plantas pola súa natureza ou configuración, teñan que situarse no dominio público marítimo terrestre, que é o que esixe o artigo 32.1 da Lei de Costas". De feito, a de Lourizán é a única fábrica de celulosa do Estado español que está en dominio público marítimo-terrestre.

De feito, a de Lourizán é a única fábrica de celulosa do Estado español que está en dominio público marítimo-terrestre

E é que nestas sentenzas establécese que as prórrogas, reguladas no artigo 2 da Lei 2/2013, só poden outorgarse para prolongar concesións que amparen usos que cumpran o artigo 32.1 da Lei de Costas, isto é, que pola súa natureza non poidan ter outra localización. O actual Goberno español decidiu retirarse do proceso ao entender que a prórroga outorgada en 2016 por 60 anos (a contar desde a data de solicitude en 2013, até 2073) "non sería conforme a dereito".

Fontes do Ministerio para a Transición Ecolóxicas explican a Europa Press que esta nova sentenza "veu a apoiar, como xa o fixesen as dúas de xullo, a posición mantida polo Ministerio desde que se retirarse no tres preitos, expresamente declarado conforme a dereito" nos fallos.

Esta sentenza é susceptíbel de recurso de casación ante o Tribunal Supremo. A Administración estatal, "en canto achandada", asegura que non recorrerá.

De tal forma, o Ministerio sinala que, "a efectos prácticos, isto o que leva é que Ence, de chegar a adquirir firmeza a sentenza da Audiencia Nacional, carecerá de título para a ocupación do dominio público marítimo terrestre" da súa planta de Pontevedra.

Así, anúlase a prórroga e "pecha a porta a que se tramite de novo". Este departamento considera que "o que procede, de acordo coa normativa de costas, é que o Ministerio se pronuncie sobre o destino das instalacións, previamente á reversión dos terreos ao Estado".