Contra o espolio: "Agardamos que a cidadanía poida entrar na Casa Cornide o próximo ano"

Marcha cívica pola devolución da Casa Cornide [Imaxe: Xoán Roberes].

Defensa do Común levou adiante na mañá deste sábado unha marcha cívica para esixir a devolución da Casa Cornide e para loitar contra os "significados franquistas que aínda conservan na Coruña rúas, retratos, placas e todo tipo de distincións". 

A Comisión Aberta en Defensa do Común desenvolveu durante a mañá deste sábado unha marcha cívica para reclamar a recuperación da Casa Cornide, actualmente propiedade da familia Franco

Con saída ás 12.30 horas desde a praza de María Pita, na Coruña, a marcha, que se realizou respectando de forma estrita as medidas sanitarias vixentes na loita contra a Covid-19, contou coa participación da veciñanza e de axentes sociais, así como de boa parte do sector político, cultural e sindical da cidade herculina. Mais non só, no encontro tamén se deixaron ver ao redor do emblemático edificio os propios usurpadores, Francisco Franco, Pedro Barrié de la Maza, Carmela Arias, Carmen Polo e Alfonso Molina (interpretados por un conxunto de actores). 

Esta acción simbólica resulta especialmente relevante ao desenvolverse xusto un día despois de se coñecer que a familia Franco ten que devolver o Pazo de Meirás ao Estado, como tarde, o 10 de decembro, após a decisión do Xulgado de Primeira Instancia número un da Coruña.

Manifesto contra o espolio e o fascismo

Ao termo da mobilización, as participantes da convocatoria leron un manifesto a cargo do escritor e xornalista Manuel Rivas. "O espolio que hoxe denunciamos corresponde claramente a unha época de “círculo vicioso”, autoritario, desigual e corrupto", comezou Rivas a súa intervención. "Este acto de hoxe, como outros anteriores e os que virán, non responden soamente a un movemento de reparación histórica, que tamén o son, senón que teñen moito que ver co noso futuro e co das xeracións vindeiras", indicou. "A Casa Cornide e o pazo de Meirás son dúas caras dun mesmo espolio aproveitando o réxime de tiranía que se impuxo despois dun golpe e unha guerra, durante décadas, por medio dunha represión criminal e mafiosa". 

"O espolio que hoxe denunciamos corresponde claramente a unha época de “círculo vicioso”, autoritario, desigual e corrupto", reclamou Rivas durante o acto

Alén da reparación histórica que implica a devolución destes bens inmóbeis espoliados, no manifesto Rivas tamén fixo referencia a aqueles "protagonistas" do franquismo que estaban ao servizo do ditador e que a día de hoxe aínda conservan "distincións" a distintos niveis: "Neste espolio tamén figuran os mesmos protagonistas, os mesmos poderosos que actuaron ao servizo do ditador: Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina Brandao e Sergio Peñamaría de Llano. Estes persoeiros, obxecto case sempre de haxiografías ou biografías exclusivamente laudatorias, son cualificados na moción aprobada no pleno de 1 de outubro de 2020, como “significados franquistas que aínda conservan na Coruña rúas, retratos, placas e todo tipo de distincións que non pode admitir unha sociedade democrática”.

Casa Cornide, Ben de Interese Cultural

Outra das cuestións que reclaman o conxunto de colectivos é da necesidade de facer da Casa Cornide un Ben de Interese Cultural coa finalidade de protexer o edificio. "É unha boa noticia e agardamos que, independentemente do proceso para a súa devolución, a cidadanía poida entrar na Casa Cornide o próximo ano", indicou.

"É unha boa noticia e agardamos que, independentemente do proceso para a súa devolución, a cidadanía poida entrar na Casa Cornide o próximo ano", dixo Manuel Rivas na lectura do manifesto

E é que para protexer a Casa Cornide espoliada pola familia Franco durante a ditadura, o Concello da Coruña vén de reclamar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para este inmóbel, actualmente propiedade da familia Franco. Unha acción ao carón da cal se reivindica que o inmóbel sexa propiedade pública. 

Para iso, o Concello da Coruña apelou ao contido dun informe artístico, asinado por profesionais dos campos da historia da arte, a arquitectura, a historia, a topografía ou a conservación de bens culturais, que salienta a "excepcionalidade" da Casa Cornide

O documento acredita a "singularidade" do edificio, tal e como expuxeron desde o Concello herculino. "Isto confirma que os Franco se fixeron cun edificio dun valor patrimonial e histórico incalculábel para a cidade, un inmóbel que se espoliou tras unha poxa amañada e que ten que volver ser parte do patrimonio público da Coruña e dos coruñeses", dixo a Administración coruñesa. 

A historia do inmóbel 

A Casa Cornide érguese como unha mansión antolóxica da Galiza. Construída en pleno século XVIII, o edificio non pasa desapercibido. Fogar de Xosé Andrés Cornide Saavedra e Folgar (1734, A Coruña – 1803, Madrid), un dos persoeiros da Ilustración, historiador, naturalista, economista, político e poeta, figura cimeira da cidade herculina. Ás curiosidades, coñecidas e ocultas, da historia que acompañan hoxe a Casa Cornide, achegouse o antropólogo Felipe Senén para o semanario Sermos Galiza.

Entidades participantes en prol da Casa Cornide

A iniciativa desenvolveuse após ser posposta polas restricións sanitarias e nela participaron as organizacións Defensa do Común, Asociacións Veciñais de: Cidade Vella, Agra do Orzán, Gaiteira-Os Castros, Atochas-Monte Alto, Iar Castrillón-Urbanización Soto, Eirís, Os Anxos de San Cristobal das Viñas, Labañou; Anova, BNG, Cerna, EU, Marea Atlántica, PCG, Unión Republicana, Plataforma en Defensa da Ría de Sada e Betanzos, CIG, Galiza Nova, A.C. Alexandre Bóveda, Proxecto Cárcere, ADEGA, A.C. Gomes Gaioso e A.C. O Facho.

Máis actos contra o espolio do inmóbel 

A convocatoria pola recuperación da Casa Cornida non é a primeira das actuacións simbólicas en defensa deste inmóbel "okupado" por Francisco Franco maila súa familia. En setembro de 2017, nove persoas "tomaron" de forma simbólica a varanda da Casa Cornide, propiedade da familia Franco, para reivindicar a súa devolución ao patrimonio público. Por esta actuación, os Franco pediron ante as autoridades 81 anos de prisión para as nacionalistas que ocuparon simbolicamente o inmóbel