EIRA DAS MOURAS

"Memoria histórica" coa coruñesa casa do ilustrado Xosé Cornide

O arqueólogo e museólogo Felipe-Senén publica un outro capítulo da sección “Eira das Mouras”, desta vez sobre a Casa Cornide, mansión antolóxica da Galiza do século XVIII que non pasa desapercibida e que agocha unha ensombrecida historia. Eis un extracto da información publicada no número 331 de Sermos Galiza.

Casa Cornide
photo_camera [Imaxe: Wikipedia] Casa Cornide

1É unha mansión no corazón da Coruña, escenario cunha historia arredor dos seus propietarios que non pasa desapercibida ao común, e menos debera aos historiadores. Tirar do fío histórico, interesadamente embarullado, deturpado... daría moito máis de si do que se vai sabendo.

Xosé Andrés Cornide Saavedra e Folgar (1734 Coruña – 1803 Madrid) foi un dos sabios da Ilustración, á que Galiza tanto ten contribuído pese a ocultarse: historiador, naturalista, economista, político e mesmo poeta en lingua castelán e galega. Preocupado polas linguas, entre as que falaba varias europeas, conseguintemente centrado na base da sociedade, na educación, nun saber práctico en relación co progreso. Cornide é figura cimeira da súa cidade, A Coruña, desa Cidade Vella que coroa a súa casa, todo un símbolo daquel tempo de pescudas, culminado pola rocalla do seu escudo, como abaneado polo vento das ideas.

Fidalgo formado en humanidades na universidade compostelá, figura de teoría e máis praxe, desde os 21 anos xa honorario da Real Academia da Historia polas súas pescudas en arqueoloxía –as Cassiterides, os límicos e Idacio–, autor do fundamental estudo sobre a Torre de Hércules, comisionado pola Academia como asesor nas obras dirixidas no faro romano polo enxeñeiro militar pacense Eustaquio Giannini, especialista sobre San Luis Rei de Francia, colaborador co Padre Flórez... como non, preocupado polo tema da pesca e da sardiña... rexedor da súa cidade e agasallado como rexedor perpetuo de Compostela, mediador entre a Real Audiencia, fundador en 1765 da Academia de Agricultura de Galicia, que perdura até 1774, omnipresente nas roldas dos sabios cortesáns dos tempos carlosterceiristas –de feito en 1789 estabelécese definitivamente en Madrid, como numerario e secretario da Academia da Historia–. Autor merecente de maior atención, aínda con inéditos sobre a minería na Galiza, sobre temas vexetais que seguen as pegadas de Sarmiento, de crónicas de viaxes por Galiza e ao longo de Portugal, tramando aspectos estratéxicos e defensivos en relación co país veciño... estudoso de Caaveiro, dos límites de Galiza, dos correos marítimos, mesmo sobre palabras galegas. Merecente dunha biografía precisa e sobre todo da súa divulgación.

[Podes ler a información no número 331 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios