mércores 28/10/20
A arquitectura da represión económica

Os outros Meirás, da Casa Cornide ás subscricións patrióticas

Meirás non é un caso illado. Existen na Galiza múltiples exemplos de roubo patrimonial por parte do réxime que aínda hoxe seguen sen reparar. 'Nós Diario' debulla a arquitectura da represión económica na que todo isto aconteceu.
Pazo de Bendaña (Dodro) antes de ser desmantelado polos Franco [O Baixo Ulla].
Pazo de Bendaña (Dodro) antes de ser desmantelado polos Franco [O Baixo Ulla].

O caso do Pazo de Meirás, esa "anomalía democrática", tal e como o denominou Carlos Babío, constitúe un dos exemplos máis sangrantes do espolio do franquismo. Mais non é, nin de lonxe, o único, senón que poderiamos elaborar unha longa listaxe de patrimonio, particular ou colectivo, que foi expropiado seguindo diferentes vías, desde os casos máis icónicos de Portela Valladares ou a Casa Cornide até os das persoas anónimas obrigadas a sumarse ás subscricións patrióticas.

Porén, para comprendermos este fenómeno cómpre atender á arquitectura coa que se construíu a represión económica. O historiador Julio Prada, profesor de Historia Contemporánea na facultade de Ourense (Universidade de Vigo) traza este contexto en varias fases.

Logo do golpe de Estado, a primeira forma de apropiación económica, non considerada propiamente como represión, son as famosas "requisas". Este concepto "era algo absolutamente normal e regulado en situacións de guerra", puntualiza, unha práctica que viña lexislada do século XIX e que se dá "en todos os países en situación de guerra".

Alimentos, mantas, colchóns... son elementos que se obteñen por esta vía, que en teoría contempla o "dereito a unha indemnización" que, na práctica, non se executaba en moitas ocasións.

Ao abeiro da Lei de responsabilidades civís

A este primeiro proceder súmase, xa coa consideración de represión económica, a etapa da Lei de responsabilidades civís, de setembro de 1936, se ben non se aplicaría até xaneiro de 1937. Ante a consciencia da prolongación da guerra, aparece "a necesidade de complementar os recursos que precisan os sublevados facendo incautacións de bens a persoas que se consideraban desafectas", explica Prada. 

Desta volta emprégase tamén unha normativa herdada, que bebe do principio do dereito penal que liga a responsabilidade por un determinado delito á obriga de indemnizar a persoa contra a que se comete polos danos causados. Con esa premisa, arguméntase que "os individuos de significación esquerdista son responsábeis criminalmente da situación que vive España, e polo tanto deben indemnizar os danos causados".

Arguméntase que "os individuos de significación esquerdista son responsábeis criminalmente da situación que vive España, e polo tanto deben indemnizar os danos causados", di Prada

Xérase desta maneira unha normativa específica que dá orixe ás Comisións Provinciais de Incautación de Bens, que incoan expedientes de multa. "Inicialmente son sancións totalmente desproporcionadas, cantidades exorbitadas, de medio millón de pesetas ou dun millón", relata, para as que moitas veces non existían recursos para facerlles fronte.

"Cando pasan os meses, despois de novembro, comezan a aquilatarse en función do patrimonio", matiza Prada. Nese momento adoitan imporse por valor da metade, terza ou cuarta parte do total dos bens da persoa.

É nesta etapa cando se producen os casos máis canónicos, con persoas singulares que tiveran un protagonismo político de certo nivel. Un dos máis sonados foi Manuel Portela Valladares, presidente do Goberno republicano entre 1935 e 1936.

"A Portela Valladares incautáronlle o total dos bens que posuía na Galiza, comezando polo xornal do que era propietario, 'El pueblo gallego'", conta Prada

"Incautáronlle o total dos bens que posuía na Galiza, comezando polo xornal do que era propietario, El pueblo gallego", conta Prada. Na Coruña, a Casares Quiroga, alén da biblioteca, intentóuselle privar, no único caso que coñece o profesor na Galiza, da nacionalidade española.

Barrié de la Maza fusionou Electra Popular Coruñesa (incautada) coa súa empresa dando lugar a Fenosa e obtendo o monopolio do mercado eléctrico na Galiza

Outro exemplo atopámolo en Jose Miñones, creador do Partido Socialista Agrario en Corcubión e deputado pola Coruña  do Partido Republicano Radical nas eleccións estatais de 1933. Encarcerado e condenado a morte, enfrontou tamén o pago dunha multa dun millón de pesetas e  fóronlle incautadas todas as empresas, incluída Electra Popular Coruñesa, entregada a Pedro Barrié de la Maza, que a fusionou coa súa dando lugar a Fenosa e obtendo o monopolio do mercado eléctrico na Galiza.

O cambio lexilativo

Nun seguinte paso, a partir de febreiro de 1939, a normativa  vixente transfórmase na Lei de responsabilidades políticas, que non cambia a efectos prácticos, se ben na Galiza, paradoxalmente, será "moito máis benigna que a etapa anterior", di Prada.

Nalgúns pagos pendentes, mesmo se reducen cantidades. Esta lexislación é a que rexe no resto do Estado nas zonas conquistadas serodiamente, a partir da campaña de Catalunya. Desde 1945 non se poden iniciar novos expedientes, pero mantense a vixencia até os anos 60 para os que xa estaban incoados.

Así, a viúva do que fora secretario do concello da Coruña, o republicano Joaquín Martín, executado en 1936, aínda pregaba en 1954 que lle levantasen o embargamento sobre os bens herdados do seu compañeiro. Se desde 1987 se aplicou unha lexislación para a devolución dos bens incautados a organizacións sindicais e políticas, as familias e empresas desposuídas non tiveron vía de reparación.

Multas e doacións

A estes mecanismos cómpre sumar as multas, que en lugares como a Galiza, baixo o control dos sublevados desde o inicio, foron o instrumento fundamental de incautación até a entrada en vigor da Lei de responsabilidades civís. Os comandantes militares impoñían daquela ás persoas con antecedentes esquerdistas sancións por cantidades importantes e moi variábeis, que supoñen tamén unha forma salientábel de represión económica.

Por último, Prada insiste en considerar as "subscricións patrióticas", en teoría voluntarias, para agasallar a Franco galanos do máis ortodoxo ao máis disparatado, desde unha estatua a aquel avión que nunca se chegou a executar. "A quen se negaba a contribuír impúñaselle unha multa", sinala Prada.

Un dos exemplos máis estendidos desta tendencia é o "prato único", que consistía en que un día ao mes - logo acabarían sendo dous- "facías a ficción de que na túa casa só se comía un prato, pois dábase por suposto que o normal eran tres (entrante, prato forte e sobremesa)", explica Prada, e o importe restante ingresábase en concepto da subscrición patriótica, a risco de ser multado cunha cantidade aínda maior.

Fortunas de guerra

Co tema da represión económica adoita asociarse o das fortunas de guerra. Prada opina que existe moito mito nisto. As investigacións destinadas a comprobar se se pode falar dunha transferencia real e global de fortunas derivadas da represión económica conclúen que non é así, conta.

Porén, nos casos singulares, o máis significativo está "en fortunas que puideron ter a súa orixe, o capital inicial, vencellado ao tema da guerra". Así mesmo, hai casos de quen aproveitou a posición no novo poder para facer fortuna, de nomes tan coñecidos como Barrié de la Maza a outros anónimos que negocian co estraperlo, o racionamento ou o vínculo co poder local.

O tesouro agochado en Meirás

O Pazo de Meirás resume ademais un "espolio de espolios", tal e como o cualifica Babío. No interior da propiedade atópanse unha infinidade de pezas arqueolóxicas, cruceiros, fontes, balaustres ou escudos subtraídos doutros pazos.

O "agasallo" a Franco implicaría o desmantelamento do Pazo de Bendaña, en Dodro, indica Babío. O acordo da corporación municipal ofreceu quer os alicerces arquitectónicos quer a propiedade completa. Pedra a pedra, as figuras da capela ou os gravados, e probabelmente tamén a biblioteca, foron parar a Meirás.

Dodro reclamou a devolución de parte do seu patrimonio en 2008 para tentar recuperar todos os elementos posíbeis dun dos seus edificios máis emblemáticos. Para alén do máis, os pazos de Ximode ou Hermida tamén sufriron o roubo e retirada de diferentes obxectos que rematarían en Sada.

Estas prácticas non afectaron só propiedades civís. Como sinala Babío, as pilas bautismais do mosteiro de Moraime (Muxía) son outra das pezas levadas a Meirás, retirados nos anos 60 por orde de Carmen Polo.

A Casa Cornide

O símbolo do Pazo de Meirás ten poucos equivalentes desa magnitude no noso territorio, alén da Casa Cornide. No libro Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo expoñen tamén a complexa trama administrativa que levou á apropiación deste palacete do século XIX, situado na zona vella da Coruña, por parte da familia Franco, até entón de propiedade pública.

O proceso implicaría varias institucións para evitar unha adxudicación directa que rachase coa imaxe de austeridade da que o ditador pretendía dotarse. Así, Franco mercaríallo ao seu amigo Pedro Barrié de la Maza, que o adquirira nunha poxa organizada polo concello. A familia aínda goza hoxe do edificio e do patrimonio espoliado que se agocha dentro.

comentarios