Baltar atribúe conducir a 215 quilómteros por hora a "un despiste"

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar (Foto: Europa Press).
Baltar, que no momento da sanción manexaba un vehículo do parque oficial da Deputación de Ourense que goberna desde 2012 -cando asumiu o cargo en substitución do seu pai, José Luis Baltar-, sinalou que "desde hai moitos anos" conduce "de maneira habitual" coches oficiais "en desprazamentos institucionais".

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, pediu desculpas públicas despois de ser sancionado tras ser identificado cando conducía a 215 quilómetros por hora nunha autovía en Zamora, o que atribuíu a "un descoido acontecido nunha longa recta da A-52, sen referencias de ningún tipo".

Nunha carta remitida aos medios esta quinta feira, o mandatario na Deputación e presidente do PP na circunscrición de Ourense, ao que se investiga por un posíbel delito penal ao superar en 80 km/h o límite de velocidade, trasladou que a sanción administrativa xa foi abonada e está "a disposición para colaborar en calquera dilixencia ulterior".

Baltar, que no momento da sanción manexaba un vehículo do parque oficial da Deputación de Ourense que goberna desde 2012 -cando asumiu o cargo en substitución do seu pai, José Luis Baltar-, sinalou que "desde hai moitos anos" conduce "de maneira habitual" coches oficiais "en desprazamentos institucionais".

"Escribo estas liñas para trasladar publicamente as miñas desculpas polo acontecido na tarde do pasado 23 de abril. Como xa dixen onte (pola cuarta feira), eu son a primeira persoa en lamentar as consecuencias dunha situación dolorosa para min, derivada dun erro illado pero que non é, desde logo, adecuada", engadiu o 'barón' popular.

Baltar afirmou que a infracción se produciu "nun momento de descoido acontecido nunha longa recta da A-52". "Sen referencias de ningún tipo, situeime por encima dos límites de velocidade permitidos. Reitero este erro", engadiu nunha misiva que fecha cunha mensaxe de que o seu "compromiso" coa está "intacto".

Dilixencias penais

A cuarta feira, un día despois de coñecerse os feitos, a Deputación de Ourense trasladou que axentes do Grupo de Investigación e Análise do Grupo de Tráfico (GIAT) da Garda Civil notificaron a Manuel Baltar a apertura de dilixencias de investigación por posible delito contra a seguridade viaria.

Segundo fontes da Deputación de Ourense, os axentes do GIAT do subsector de Ourense notificaron a Baltar a apertura destas dilixencias no municipio de Leiro, onde o tamén presidente dos populares ourensáns se encontraba de visita institucional.