Medio centenar de colectivos galegos apoian un manifesto estatal contra a "invasión eólica indiscriminada"

"É un atropelo legal", sinalan os ecoloxistas de Arco da vella. (Foto: Pedro Sala)
Ecoloxistas denuncian o "empeño da Xunta da Galiza de aprobar custe o que custe todos os parques antes da próxima cuarta feira [día 25] coa escusa de enganchalos á rede eléctrica para abastecer grandes industrias como Alcoa, Showa ou Sentury".

Un total de 44 entidades sociais e veciñais da Galiza veñen de asinar un manifesto presentado a nivel estatal contra a "invasión eólica indiscriminada" no país, de forma que rexeitan os artigos 22 e 23 do real decreto-lei 20/2022, —que se validará esta terza feira no Congreso— que fan alusión á redución dos trámites ambientais.

Nun comunicado, a asociación ecoloxista Arco da vella alerta de que o "atropelo legal" que suporá, din, a entrada en vigor do decreto non ten parangón na historia parlamentaria do Estado español e causará un "caos" no medio ambiente de difícil solución no futuro, ao permitir que os polígonos eólicos de máis de 50 megawatts (MW), cuxa autorización depende exclusivamente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, "non teñan que superar trámite ambiental algún".

O manifesto, que conta co apoio de 369 entidades de todo o Estado, sinala que "non só vulnera o Convenio de Aarhus de participación cidadá e priva mesmo as principais entidades ecoloxistas da posibilidade de coñecer os expedientes e formular alegacións, senón que deixa en mans dos promotores —fondos de investimento— a destrución de hábitats naturais e zonas de cultivo, con consecuencias irreparábeis".

"A aprobación do Regulamento europeo 2022/2577 o pasado 22 Decembro 2022, precisamente, estabelece a necesidade previa dunha zonificación e dunha avaliación ambiental estratéxica. Condicións cruciais que foron obviadas neste RDL 20/2022", agrega o texto.

Por outra parte, denuncia "o empeño da Xunta da Galiza de aprobar custe o que custe todos os parques antes da próxima cuarta feira [día 25] coa escusa de enganchalos á rede eléctrica para abastecer grandes industrias como Alcoa, Showa ou Sentury".

"A Consellaría do señor [Francisco] Conde non ten en conta que a produción de enerxía renovábel na Galiza é de case 80%, cando a previsión da UE é de 40% para o ano 2030. Non pode existir outra explicación para semellante despropósito máis que a voracidade especulativa das promotores de parques eólicos, auspiciada por unha trama política da que forman parte todos os partidos políticos do Parlamento da Galiza sen excepción, que apoian de forma activa ou pasiva un ataque frontal ao noso medio natural a cambio de escuros intereses monetarios", sostén Arco da vella.