Colectivos sociais maniféstanse en Vigo contra a ‘depredación’ enerxética

Colectivos sociais galegos percorreron este domingo 22 de xaneiro as rúas de Vigo en contra da 'depredación' enerxética. (Foto: Nós Diario)
Uns 75 colectivos sociais de toda a Galiza concentráronse este domingo en Vigo nunha mobilización baixo o lema "O pobo galego unido contra a depredación enerxética".

Uns 75 colectivos sociais de toda a Galiza concentráronse este domingo en Vigo nunha mobilización contra a “depredación” enerxética do país, baixo o lema "O pobo galego unido contra a depredación enerxética".

Nun comunicado, criticaron a “invasión” de proxectos de polígonos eólicos que se pretenden instalar na Galiza, tanto en terra como no mar, asegurando que se trata dun negocio “especulativo” que só persegue o enriquecemento dunhas poucas empresas. “De levarse a cabo, sería un desastre para a Galiza, desde as cidades non podemos quedar calados”, reivindicaron.

“O modelo de desenvolvemento eólico na Galiza é colonial, irracional, insostíbel, abusivo, depredador do territorio e deseñado a medida das grandes corporacións enerxéticas, financeiras e outras empresas oportunistas nacidas para especular”, lamentaron.

Entre outros datos, recordaron que na actualidade xa existen 187 polígonos eólicos operativos con máis de 4.000 muíños, aínda que xa se están a tramitar máis de 300 novos parques polas administracións autonómica e estatal, que sumarían o dobre da potencia instalada até o momento.

Así, puxeron o foco no impacto que xera a construción destes polígonos nos espazos naturais e na paisaxe, polo que exixiron a paralización “inmediata” do actual Plano Eólico da Galiza e de todos os proxectos en trámite e o traspaso de toda a xestión de produción de enerxía a organismos públicos con participación social, entre outras reclamacións.