Malestar entre os pasaxeiros dun voo Vigo-Madrid que foi cancelado para cederllo ao Sevilla FC

Aeroporto de Peinador, en Vigo (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
O voo con código IB8869, operado por Air Nostrum e que xa ía saír con atraso cara a Madrid, foi finalmente cedido ao corpo técnico e xogadores do equipo andaluz porque o seu sufrira unha avaría. Finalmente, partiu sobre as 23.30 horas cara á cidade hispalense deixando en terra os pasaxeiros.

Varias decenas de pasaxeiros do último voo Vigo-Madrid do sábado quedaron en terra, no Aeroporto de Peinador, despois de que o avión fose cedido para que Sevilla Fútbol Club puidese volver á casa.

Ocorreu na noite do sábado, despois do partido que o Sevilla xogou contra o Celta de Vigo en Balaídos e que finalizou cun empate (1-1) tras unha gran polémica dada polas decisións arbitrais que prexudicaron o conxunto galego.

O voo con código IB8869, operado por Air Nostrum e que xa ía saír con atraso cara a Madrid, foi finalmente cedido ao corpo técnico e xogadores do equipo andaluz porque o seu sufrira unha avaría. Finalmente, partiu sobre as 23.30 horas cara á cidade hispalense.

Foron varios os pasaxeiros que se manifestaron molestos a través de redes sociais porque, por esta decisión da compañía da que se decataron cando xa estaban na cola de embarque, quedaron sen poder viaxar.

A solución que lles deu a compañía aos pasaxeiros foi que volvesen ao Aeroporto de Peinador ás 8 da mañá do domingo para ser levadosa Madrid en autobús. Iso, ou esperar a un novo voo a segunda feira.

"Erro lamentábel"

Por mor deste suceso, Air Nostrum emitiu este domingo un comunicado no que "lamenta profundamente o prexuízo ocasionado" aos pasaxeiros. Afirma que se trata de "un lamentábel erro achacábel unicamente á compañía" polo cal quere transmitir "os seus máis sinceras desculpas" aos afectados.

"A próxima semana contactarase con cada un dos pasaxeiros para compensarlles polas molestias causadas", conclúe o comunicado da aeroliña, que foi compartido en redes sociais pola conta do Sevilla.