O tráfico aéreo mundial recupera en abril 90,5% do nivel prepandemia grazas ás viaxes interiores nos Estados

O transporte aéreo de viaxeiros no interior dos Estados aumentou 2,9% en abril respecto a 2019, mentres que no mercado internacional alcanzouse 83,6% dos niveis prepandemia.
Varias persoas agardan no mostrador de facturación do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela (Foto: Europa Press).
photo_camera Varias persoas agardan no mostrador de facturación do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela (Foto: Europa Press).

A demanda de viaxes aéreas en abril recuperou 90,5% do nivel prepandemia e aumentou 45,8% con respecto ao mesmo mes de 2022, impulsada especialmente polo tráfico interior dos Estados, segundo datos da Asociación Internacional de Transporte Aéreo (IATA).

O transporte aéreo de viaxeiros no interior dos Estados en abril aumentou 2,9% respecto ás cifras de 2019, mentres que no mercado internacional alcanzouse 83,6% dos niveis prepandemia, cun aumento en comparación co segundo mes de 2022 de 42,6% en rutas internas e de 48% nas rutas internacionais.

Con estes datos, o director xeneral de IATA, Willie Walsh, sinalou que abril continuou a forte tendencia de tráfico que se veu no primeiro trimestre de 2023. "A relaxación da inflación e o aumento da confianza das persoas usuarias na maioría dos países da OCDE, xunto coa diminución dos prezos do combustíbel para avións, suxiren unha forte demanda sostida de viaxes aéreas e a moderación das presións de custos", destacou.

Por zonas, o tráfico internacional das aeroliñas de Asia-Pacífico foi o que máis aumentou con 192,7% máis en comparación con abril de 2022. A capacidade creceu 145,3% e o factor de ocupación subiu 13,2 puntos porcentuais até o 81,6%. Por parte dos operadores europeos, o seu tráfico internacional creceu 22,6% respecto ao ano pasado, mentres que a capacidade aumentou 16% e o factor de ocupación subiu até 83,3%.

As aeroliñas de Oriente Medio rexistraron un aumento de demanda de 38% este mes de abril, por encima das aeroliñas norteamericanas e latinoamericanas, cuxo tráfico internacional creceu 34,8% e 25,8%, respectivamente. En África, o tráfico das aeroliñas foi 53,5% superior en abril, o segundo máis alto entre as rexións.

A demanda de carga aérea caeu 6,6%

A demanda de carga aérea caeu 6,6% en abril en comparación co mesmo período de 2022, mentres que a capacidade mundial, medida en toneladas-quilómetro de carga dispoñíbeis creceu 13,4% respecto ao ano anterior.

O director xeneral de IATA destacou que a diminución da inflación é sen dúbida positiva, mais admitiu que "non está claro o grao e a velocidade á que isto podería conducir a políticas monetarias máis laxas que poderían estimular a demanda".

Por rexións, as aeroliñas norteamericanas decreceron 13,1% na demanda de carga aérea internacional en comparación con abril de 2022, o peor rexistro. As compañías aéreas de Oriente Medio rexistraron un descenso de 6,8%, mentres que a demanda das aeroliñas europeas caeu 8,2%. Ademais, as aeroliñas de Asia-Pacífico informaron dunha caída de 0,4%, mentres que as latinoamericanas rexistraron un descenso de 1,6%.

Comentarios