Máis de medio cento de proxectos novos desde o inicio do veto eólico

Unha decena de aeroxeradores na serra do Xistral, incluída na Rede Natura a finais de 2004. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
No outono de 2021 a Xunta da Galiza comprometeuse a non aceptar novos proxectos eólicos desde o 1 de xaneiro deste ano até o 1 de xullo de 2023. Unha moratoria de ano e medio que só nos oito primeiros meses abriulle a porta a medio cento de novos parques industriais. 

Desde a entrada en vigor do veto eólico comezaron a tramitarse 56 novos proxectos eólicos. Son datos da plataforma Fun Polo Vento, que vén de convocar para o vindeiro 25 de setembro unha manifestación nacional polas rúas da Coruña baixo o lema 'O pobo galego unido contra a depredación enerxética'.

Maruxa Abelleira, membro da Asociación Nove Refachos e da Plataforma Caíño Brancellao, dous dos 40 colectivos que fan parte dese movemento, precisa que dese medio cento de novos polígonos industriais 48 saíron a tramitación por parte da Xunta e oito por parte do Estado. Denuncia un "acordo soterrado da UE, do Estado e do Goberno galego para converter Galiza na súa zona de sacrificio", un pacto tapado pola falta de transparencia das administracións á hora de informar do número e do impacto real destas iniciativas macroindustrias, impulsadas por empresas "depredadoras por máis que vendan enerxías limpas".

A día de hoxe hai polígonos industrias eólicos en 121 dos 313 concellos galegos

A xente do rural foi a primeira en se organizar para botar luz sobre este asunto, di, "moitas mulleres puxéronse a fronte, e só cando comezamos a ler todos os días o DOG e o BOE soubemos da dimensión global disto".

En outubro do 2021 o Rexistro Eólico da Galiza contabilizaba 231 polígonos autorizados, en funcionamento ou en obras, e 135 en trámites previos que continuaron a súa andaina malia a moratoria, mais estas cifras están superadas.

Terra de sacrificio

"A día de hoxe hai polígonos industrias eólicos en 121 dos 313 concellos galegos", sinala Abelleira, quen xustifica o sacrificio da terra galga con outro dato: "A Galiza é a segunda comunidade autónoma que máis enerxía renovábel produciu en 2021 e malia todo paga a factura eléctrica máis cara de todo o Estado; pola contra, Madrid gasta nun ano o equivalente a 97% de toda a enerxía eólica que se produce no estado e non ten un só parque eólico no seu territorio".

Madrid gasta nun ano o equivalente a 97% de toda a enerxía eólica que se produce no estado e non ten un só parque eólico

Maruxa Abelleira chama a ver onde caen os muíños e as liñas de alta tensión. Segundo o informe Macroeólicos Galiza 2022 elaborado pola Asociación Rural Contemporánea, entre 80 e 85% dos aeroxeradores construídos ou proxectados, da superficie dos polígonos e das liñas de alta tensión sitúanse en núcleos de poboación de menos de 5.000 habitantes. Un 19,2% en montes veciñais en man común e 11,5% en terras de cultivo.

Oposición social

"Temos un plan eólico -de 1997- completamente desfasado, unha normativa que permite infraestruturas a 500 metros das casas. A min, no Padreiro, en Curtis -parques eólicos Caíño e Brancellao-, quedaríame un muíño de 200 metros, tres veces a torre de Hércules ao pé de onde vivo". E cada poucas semanas saen entre catro e cinco novos proxectos, advirte, baixo unha nova lexislación que limita os estudos de impacto ambiental e o dereito da cidadanía a alegar. "Acabaremos vivindo todas na Galiza dentro de grandes polígonos eólicos", sentencia Abelleira, quen salienta a preocupación dunha "oposición social que xa non entende de partidos políticos". 

Son estes a quen instan a traballar desde as institucións para planificar e dimensionar a eólica na Galiza. "Non estamos en contra desta enerxía, pero si da forma de implantala, devoradora de recursos, desigual e incompatíbel coa revolución verde que representa", centrada, ademais, na exportación, non no beneficio do pobo. "A Galiza non pode soportar todo o peso da transición ecolóxica" sentencia Abelleira.