A Galiza afiánzase como produtora eólica do Estado, con 182 parques, e concentra 22% dos novos proxectos en trámite

O país produciu o pasado ano 38% máis de enerxía eléctrica da que consumiu. Mais cos parques eólicos en trámite, podería tornar na segunda potencia eólica do Estado -agora é cuarta-, case á par con Castela e León -a primeira-.
Distribución territorial dos megawatts de enerxía eólica instalados no conxunto do Estado español. (Infografía: Nós Diario)
photo_camera Distribución territorial dos megawatts de enerxía eólica instalados no conxunto do Estado español. (Infografía: Nós Diario)

O ano 2021 fechou coa Galiza situada como o segundo territorio do Estado con máis parques eólicos en funcionamento, 182, segundo sinala a Asociación Empresarial Eólica —patronal do sector a nivel estatal— no Anuario Eólico que vén de facer público, referido ao pasado exercicio. O documento recolle que entre xaneiro e decembro de 2021 o país aumentou a potencia instalada en 38 megawatts (MW), a través de tres novas instalacións, ascendendo o total a 3.867 MW.

No referido á potencia, a Galiza é cuarta comunidade, só superada por Castela-A Mancha (3.955 MW), Aragón (4.435 MW) e Castela e León (6.404 MW), que superan folgadamente a extensión do territorio galego. Deste modo, o país abrangue 13,7% da potencia instalada no conxunto do Estado español, unha porcentaxe que apenas variou ao longo dos últimos anos.

Segundo datos de Rede Eléctrica Española (REE), 39,5% da electricidade xerada en 2021 na Galiza procedía da eólica, unha porcentaxe que se eleva até 74,3% sumando o conxunto da produción de orixe renovábel. E o país supera de maneira folgada o obxectivo da Unión Europea de cara a 2030 de consumir, cando menos, 32% da enerxía a partir de fontes 'verdes' —as renovábeis representan 46,2% do consumo enerxético final bruto—.

Votación en Estrasburgo

Precisamente nesta cuarta feira o pleno do Parlamento europeo vota, após debater o texto na sesión da terza, unha proposta de directiva comunitaria que elevaría esta meta a 40% e instaría os Estados membro a favoreceren a implantación de proxectos de renovábeis e "abordaren os obstáculos restantes, incluídos os relacionados cos procedementos de autorización".

22% dos proxectos en trámite están na Galiza

Os parques eólicos que actualmente se atopan en fase de tramitación no Estado español sumarían, de se aprobaren, unha potencia a instalar a maiores da que xa está en funcionamento de 42.084 MW. Porén, a distribución destes proxectos non é equitativa a respecto dos polígonos operativos na actualidade, pois a Galiza, con 9.206 MW pendentes de autorización —a través da Xunta e do Goberno español—, abrangue até 21,9% das solicitudes en curso.

No caso de se aprobaren finalmente todos estes proxectos que están en mans das Administracións, o país tornaría na segunda potencia de produción eólica do Estado, con 13.073 MW, só superada, por unha escasa diferenza, por Castela e León, que cos 6.773 MW que ten pendentes duplicaría a súa potencia e ascendería a 13.177 MW.

No extremo oposto da balanza fica Madrid, onde actualmente se están a valorar proxectos eólicos que sumarían unha potencia instalada de 204 MW. É, porén, o único territorio do Estado que aínda non ten parque ningún en funcionamento.

A descompensación territorial das instalacións de produción enerxética ficou en evidencia, máis unha vez, no informe anual de REE, un documento que amosa que a Galiza xerou o pasado ano 24.211 xigawatts por hora (XWh), por volta dos 17.510 XWh consumidos, isto é, unha sobreprodución de 138,3%. Na Comunidade de Madrid a situación foi radicalmente oposta, xa que coa electricidade que produciu apenas puido facer fronte a 4,9% da súa demanda interna.

Aliás, o Atlas eólico de España, elaborado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), sitúa Galiza como o quinto territorio do Estado en superficie estimada aproveitábel para a xeración de enerxía coa forza do vento (41,5% do país), unha porcentaxe moi inferior ás de Aragón (47,4%), Castela e León (52,7%) e Castela-A Mancha (54,8%), así como Andalucía (48,7%), que hoxe conta con 345 MW menos de potencia instalada que o noso país, nun total de 163 parques (19 menos). Mesmo Madrid, se ben é o territorio cunha capacidade inferior de xeración eólica, podería instalar muíños en 1% do seu territorio.

Os donos do vento

Con base no mesmo anuario da patronal eólica, Iberdola lidera o mercado da produción eólica con un de cada cinco megawatts instalados a nivel estatal (5.991 MW). En segundo lugar fica Acciona (4.261 MW), seguida de EDP (2.289 MW), Enel Green Power (2.314 MW) e Naturgy (1.938 MW).

O Supremo pronunciarase sobre o recurso á anulación do parque eólico Oribio

Continúa a batalla legal en relación ao parque eólico Serra do Oribio, promovido pola sociedade Fergo Galicia Vento nos concellos de Samos e Triacastela. O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) acordou o pasado ano a anulación da autorización concedida polo Goberno galego —en 2019— a este polígono enerxético ao entender que a declaración de impacto ambiental (DIA), datada de 2005 —algo que non supuxo impedimento ningún para a Xunta—, estaba "caducada".

Fronte a esta decisión, tanto a empresa como o propio Executivo decidiron presentar un recurso de casación perante o Tribunal Supremo, unha cuestión que onte abordou a sala terceira do contencioso-administrativo deste órgano xudicial. Nos próximos días está previsto que os maxistrados dean a coñecer as súas conclusións, que condicionarán o futuro deste parque eólico, cuxa obra foi paralizada temporalmente.

Comentarios