Trinta e oito Bens de Interese Cultural fican dentro de polígonos eólicos

Máis de 2.500 muíños eólicos están situados en lugares da Rede Natura

Na serra do Xistral, que forma parte da Rede Natura 2000, hai 28 parques eólicos (Foto: Turismo da Galiza).

Os espazos protexidos polo seu alto valor ambiental e patrimonial non escapan á presión dos proxectos eólicos. Un informe presentado onte polo colectivo Monfero di Non, baixo o título de 'Macroeólicos Galiza', pon o foco na incidencia dos aeroxeradores na Rede Natura, nas reservas da biosfera e nos BIC.

A Galiza é a zona do Estado español con menos territorio incorporado á Rede Natura, un conxunto de espazos naturais protexidos creada coa finalidade de conservar ou restaurar a un estado de conservación favorábel a fauna, a flora e os seus hábitats. Malia contar con só 12% da súa superficie sometida a este tipo de protección, un espazo moi reducido se temos en conta que algunhas das súas figuras favorecen 27,35% do conxunto do territorio estatal, moitas destas áreas de alto valor ambiental están afectadas por proxectos eólicos.

A afección dos proxectos eólicos á Rede Natura vén sendo denunciado de modo reiterado desde diversos ámbitos. O Consello da Cultura Galega (CCG) sinalaba nun informe presentado en decembro que a Rede Natura na Galiza está formada aproximadamente por 320.000 hectáreas, mais 107.063 son ocupadas por instalacións eólicas.

Nesta mesma liña, o CCG precisaba que "nalgúns casos, case a totalidade da Rede Natura" é ocupada por complexos eólicos, como acontece nos espazos protexidos de Brañas do Xestoso en Silleda, Estaca de Bares en Mañón, Monte Maior en Viveiro, Monte Aloia en Tui ou Xubia-Castro na zona do Eume.

Os parques eólicos situados en Rede Natura

O relatorio recollía que 54 parques eólicos cunha potencia total instalada de 1.254,7 megawatts asentábanse na Rede Natura. Así, destacaba que 28 deles localizábanse na área protexida da serra de Xistral, onde se xeraban 649 megawatts, destacando dentro destes pola súa potencia o EGG-3 con 79,50 megawatts, o EGG-2 con 66 megawatts, o de Carba con 44 megawatts e o de Buio con 40,30 megawatts. Precisamente nesta zona, prodúcese a maior concentracións eólica da Galiza, centrada en Muras, con 377 aeroxeradores instalados, Abadín con 200 e Ourol con 167.

O informe Macroeólicos Galiza, elaborado pola plataforma Monfero di Non, concreta que 2.522 aeorexadores en funcionamento aséntanse sobre a Rede Natura. Ao tempo, destaca que 1.406,77 hectáreas de superficie de Unidades Ambientais da Rede Natura 2000 quedan baixo liñas de alta tensión, precisas para evacuar a electricidade xerada polo complexo eólico.

Na mesma liña, o colectivo advirte da súa afección nas reservas da biosfera "tres das seis que hai en toda Galiza quedarían especialmente afectadas, con 1.942 aeroxeradores". "Unha das máis prexudicadas é a das Mariñas e Terras do Mandeo, xunto coa de Terras do Miño e a do Río Eo, Oscos e Terras do Burón. En total o 25,6% da superficie das reservas da biosfera estarían dentro de polígonos industriais", advirte.

Un dos voceiros do colectivo, Iñaki López, sinala a Nós Diario que "no que respecta aos parques naturais, 1.316 hectáreas da súa superficie quedan dentro de polígonos eólicos. Dos seis parques naturais que hai na Galiza, o de Fragas do Eume é o máis afectado, con dous polígonos proxectados sobre a súa superficie, como son Taboada e Pena do Corvo. O parque natural do Xurés, a 300 metros dun polígono, sería outro dos máis prexudicados, seguido polo do Invernadoiro, que quedaría a catro quilómetros".

O patrimonio cultural

O patrimonio cultural sae tamén mal parado polo impacto dos proxectos eólicos. A este respecto, o relatorio Macroeólicos Galiza adianta que "12,17% da superficie do Camiño de Santiago, un total de 9.390 hectáreas, quedaría dentro dos polígonos eólicos".

Nesta liña, apuntan como os treitos máis afectados "o Camiño Inglés, no tramo de Ordes a Carral, e o Camiño Francés, de Sarria a Portomarín".

"Hai 38 elementos catalogados como Bens de Interese Cultural (BIC) que quedan dentro dos polígonos eólicos", afirma Iñaki López, quen destaca "entre outros o mosteiro de Monfero, o mosteiro de Caaveiro na Capela, o castro de Borneiro en Cabana de Bergantiños, o castelo de Moeche, o castelo de Naraío en San Sadurniño ou o dolmen de Pedra Mouro en Vimianzo".

Ao tempo, amosa a súa preocupación pola proximidade de desenvolvementos eólicos a 169 BIC como o castelo de San Felipe, en Ferrol, o barrio de Ferrol Vello, o dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) ou o Convento de San Francisco, en Padrón.

A doutora en arqueoloxía e investigadora principal do Laboratorio da Paisaxe da Universidade do Miño, Rebeca Blanco-Rotea, entende que "tendo todos estes aspectos en conta, volvemos recalcar a necesidade de revisar o Plan sectorial eólico, de estender a moratoria dos parques eólicos aos que están en proceso de avaliación, de revisar os instrumentos cos que contamos para protexer o patrimonio cultural".

O impacto no parque de vivendas

A residencia de Iñaki López é unha das 106.878 vivendas afectadas polos eólicos. Neste sentido, amosa a súa preocupación polos futuros desenvolvementos e lembra que as edificacións residenciais construídas nas súas proximidades perden 30% do seu valor de mercado