Máis de 1.200 médicos marcharon da Galiza desde 2010 para traballar no estranxeiro

(Foto: Nós Diario)

Unha media de dous profesionais galegos á semana solicita o certificado para poder traballar fóra do Estado.

Desde 2010 até agora máis de 1.200 médicos galegos pediron nos colexios profesionais o certificado de idoneidade que lles permite traballar no estranxeiro, unha media de cen por ano ou dous cada semana. Entre 2020 e 2021 foron un total de 170 os médicos que pediron este aval. A cifra é moi superior á de médicos estranxeiros que viñeron traballar a Galiza e que foron, entre 2017 e este ano, por volta de 300. Unha afluencia menor á dos que marchan.

A falta de profesionais é un dos temas de debate en torno á sanidade pública galega, cunha Xunta sinalando o Goberno estatal para reprocharlle que non facilite medidas para que haxa máis médicos. Ao tempo, desde sindicatos e colectivos de defensa da sanidade pública lembran á Consellaría de Sanidade as súas propias responsabilidades ao respecto.

Desde colectivos como SOS Sanidade Pública levan tempo incidindo no feito de que haxa profesionais galegos que opten por ir traballar xa non a outros estados senón a outras comunidades ante a situación laboral na Galiza.

Xosé Dios, médico especialista de Atención Primaria e integrante de colectivos de defensa da sanidade pública, ten apuntado que entre as causas da falta de profesionais: “profesionais pouco incentivados para realizar un traballo vocacional, unha Administración que non ten órganos de decisión para realizar a carteiras de servizos e que non aprecian a sanidade real, por non estar próximos aos problemas da xente. Falta de estabilidade no traballo: sabemos de contratos por horas, por días (cando se vai estar meses) ou contratos parciais para substitucións largas”.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) recoñece a existencia de 2.625 prazas de facultativos na Atención Primaria en 2021, último ano con datos.

Os cadros de persoal en medicina están moi envellecidos en Atención Primaria. Segundo datos recollidos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), 15,9% dos facultativos dos centros de saúde da Galiza superan 64 anos. Así, 17 deles rexistran 70 anos, 258 atópanse entre os 66 e os 69 anos e 169 teñen 65 anos, como consecuencia dun proceso marcado polos recortes orzamentarios e a falta de previsión por parte da Xunta da Galiza. Tanto é así que o Goberno galego, coñecendo as futuras dificultades de persoal, estabeleceu a xubilación obrigatoria aos 65 anos para estes profesionais entre 2013 e 2018.