Opinión

Por que non temos médicos?

Nos últimos tempos, o Sr. Feijoo, o Sr. Comesaña e diferentes responsables da Sanidade Pública dinnos “que non podemos poñer substitutos nas consultas de Atención Primaria porque non temos médicos”... A pregunta que nos facemos todos é: a que se debe, que algo tan importante como é a Saúde (probablemente o máis), non conta cos profesionais axeitados para realizar este labor?

Dende hai 12 anos, a política sanitaria na Galiza está caracterizada polos recortes: a crise de 2008 deu pé a facer unha diminución de orzamentos que afectaron tanto a profesionais como as infraestruturas; e con esta desculpa vale todo. Chegou a pandemia e todo empeorou. Pero esta dinámica ao que leva é á descapitalización do Sistema Sanitario, algo que vai custar moitos anos recuperar (se o facemos... sabendo que para algúns xa é irreversible).

Indiquémoslle ao sr Feijoo as causas da falta de profesionais (que el xa as sabe de sobra, pero non actúa en consecuencia): profesionais pouco incentivados para realizar un traballo vocacional, unha Administración que non ten órganos de decisión para realizar a carteiras de servizos e que non aprecian a sanidade real, por non estar próximos aos problemas da xente. Falta de estabilidade no traballo: sabemos de contratos por horas, por días (cando se vai estar meses) ou contratos parciais para substitucións largas. Que profesional traballaría nunha empresa, que paga pouco (estamos na cola das CCAA), non dá estabilidade laboral e non prestixia unha profesión que require da máxima dedicación, compromiso e dificultade técnica, para non cometer erros que poidan custarlle morbilidade ou incluso mortalidade a outra persoa?

Feijoo leva 12 anos xestionando unha sanidade que xa tiña moitos problemas en 2009: baixo orzamento, previsión de xubilacións de moitos profesionais, non facilitar a prolongación da vida laboral, desprestixiar a profesión coa idea de fomentar os seguros privados e a privatización sanitaria, pouco apoio á formación e á investigación. Despois de tanto esforzo, o resultado é salarios baixos e inestabilidade, calquera profesional que acade o título de médico, enfermeiro, psicólogo etc. se non é considerado na sua profesión e non ten estabilidade, busca lugares onde si dean prestixio ao seu traballo: Portugal, Gran Bretaña, Alemaña etc. captan traballadores sanitarios e non pagan un peso pola súa formación (só necesitan un tradutor e uns meses e xa teñen un enorme profesional nos seus Centros de Saúde). É impresentable para un país como Galiza formar a profesionais, co gasto que iso leva consigo, para logo marchar a outros lugares a exercer.

A falta de previsión de factores como a xubilación, vacacións, enfermidades, mortes, abandonos, non pagar o suficiente e dar estabilidade: é responsabilidade de quen a xestiona!

Un Sistema Sanitario público debe contar con orzamentos suficientes (nós exiximos o 25% do total e estamos no 12%). Debe ter profesionais acreditados: cada ano preséntanse ao MIR 30.000 médicos para 3.000 prazas (redondeando). Sr. Feijoo: onde están os outros 27.000 médicos que non acadan a praza que oferta o Ministerio? Como que non hai médicos? Hainos e moi bos, o que sucede é que están en sistemas sanitarios que valoran o seu traballo: ou pensa que por igual salario e estabilidade (e dignificación) a xente marcharía a traballar a sitios afastados?

E xa non digamos, se bocazas como Telmo (alcalde de Sanxenxo e líder do PP) ou Jácome (alcalde ínclito de Ourense apoiado polo PP) fan unhas declaracións extemporáneas en contra dos profesionais sanitarios.

É un escándalo apoiarse nunha falacia para consolidar unha estratexia: a Sanidade Pública custou moito conseguila, é o ben máis prezado que temos e non podemos permitir que xente sen escrúpulos a deteriore día a día. Defendámola (a pesar de ter maiorías absolutas).

Comentarios