Maiores de 16 poderán mudar o sexo desde esta quinta feira sen "permiso"

A ministra de Igualdade, Irene Montero, nun acto recente arredor da reforma lexislativa que impulsou Unidas Podemos. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
O BOE recollerá esta cuarta feira a publicación da 'Lei trans'.

As galegas e os galegos maiores de 16 anos poderán cambiar desde esta quinta feira 2 de marzo o seu nome e o seu sexo no Rexistro Civil sen ningún requisito, máis que o desexo expreso do solicitante, coa entrada en vigor da Lei trans. Os menores de entre 14 e 16 anos precisarán consentimento dos seus titores.

O texto da norma, aprobada polo Congreso hai dúas semanas, publicarase previsibelmente hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), segundo adiantaron fontes gobernamentais, e entrará en vigor ao día seguinte da publicación, esta quinta feira. 

Esta lei modifica o texto aprobado en 2007 durante o Goberno socialista de José Luís Rodríguez Zapatero, que exixía para o cambio rexistral polo menos dous anos de hormonación e unha diagnose médica que acreditara unha disforia de xénero. 

Catro meses de trámites

Coa publicación da lei hoxe no BOE, mañá bastará con que, quen así o desexe –e sexa maior de 16 anos–, solicite un cambio rexistral por escrito, sen necesidade de presentar probas ou testemuñas.

A decisión deberá ser ratificada polo solicitante tres meses despois, mentres que a Administración terá un mes máis de prazo. Segundo isto, o proceso durará un máximo de catro meses