O maior porto ilegal de Europa é o de Vigo, segundo 'National Geographic'

Terminal de carga de contedores do porto de Vigo. (Foto: Porto de Vigo)
“O de Vigo é o porto de pesca máis grande de Europa, polo que pasan anualmente máis de 700.000 toneladas de peixe e marisco. Ante semellante volume de movemento de mercadoría, o control é complicado e entre lagostinos e robalizas trafícase con produtos que teñen unha orixe distinta ao que di o barco que o desembarca”, aseguran desde 'National Geographic'.

National Geographic vén de publicar un vídeo nas súa redes e na súa páxina web en que apunta ao Porto de Vigo como “o maior porto ilegal de Europa”.

“O de Vigo é o porto de pesca máis grande de Europa, polo que pasan anualmente máis de 700.000 toneladas de peixe e marisco. Ante semellante volume de movemento de mercadoría, o control é complicado e entre lagostinos e robalizas trafícase con produtos que teñen unha orixe distinta ao que di o barco que o desembarca”, aseguran desde National Geographic.

Ante esta situación, a Autoridade Portuaria de Vigo anunciou esta segunda feira accións legais contra National Geographic ante os "ataques gratuítos, inxustificados e infundados" que a organización arremeteu contra o Porto.

Nunha rolda de prensa convocada de urxencia, o presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, criticou este "ataque cara a Vigo, o sector e pesqueiro e cara a un porto que loitou desde hai anos contra as prácticas ilegais".

Segundo reivindicou, na terminal olívica contrólase 100% da pesca conxelada que chega nos buques, "moi por encima" de porcentaxes de 5% ou 6% que se controla noutros portos europeos.

"É moi difícil que entre peixe ilegal cun control de 100%", subliñou Botana, despois de que no vídeo se incluísen conversas con pescadores xa xubilados indicando que se introducía peixe ilegal por Vigo e lembrando que Galiza sempre foi porta de entrada a Europa de mercadoría ilícita, nomeando directamente as drogas.

Non se descarta a vía penal

"Considerámolo unha clara vulneración do artigo 18 da Constitución, que protexe e garante o dereito á honra e á propia imaxe", indicaron desde o departamento xurídico do Porto. Nun primeiro momento actuarase pola vía civil, aínda que non se descarta a vía penal por un delito de calumnias.

"O que nos sorprende é que non se pediron aclaracións ao Porto para poder corroborar se hai algo real ou non", engadiu Botana, insistindo en todos os mecanismos de control que existen na actualidade e en que a Axencia Europea do Control da Pesca (EFCA, polas súas siglas en inglés) ten a súa sede en Vigo.

O presidente do Porto lembrou que este documental supón un "ataque" ás máis de 17.000 persoas que viven da pesca na cidade e para a urbe en si mesma. "Non imos permitir ningún tipo de ataque cara a Vigo, o seu Porto e o sector da pesca", sentenciou.