Morre un camioneiro de 65 anos tras caer á auga no porto de Vigo

Aínda se descoñecen as causas do accidente que se produciu arredor das 9 horas desta terza feira.
Vista aérea da zona de carga do porto de Vigo. (Foto: Autoridade Portuaria)
photo_camera Vista aérea da zona de carga do porto de Vigo. (Foto: Autoridade Portuaria)

Un home duns 65 anos de idade —con ampla experiencia— foi rescatado sen vida na mañá desta terza feira após precipitarse á auga o camión que conducía na zona de carga do porto de Vigo, en concreto no peirao de carga de Guixar.

Segundo fontes do 112 Galiza consultadas por Europa Press, as primeiras informacións en relación con este suceso tiveron lugar contra as 9.15 horas, momento nos servizos de emerxencias recibiron a primeira alerta, unha chamada dun particular que aseguraba que na zona portuaria de Vigo un camión caeura ao mar.

O vehículo, segundo esa mesma chamada de alerta, levaba enganchado un contedor e tiña un único ocupante, o condutor. Por iso, desde o 112 Galiza deuse aviso á Autoridade Portuaria de Vigo, aos bombeiros da cidade olívica, a urxencias sanitarias, a Policía Local, a Nacional, os Gardacostas e Salvamento Marítimo, que mesmo desprazou até a zona a unha embarcación auxiliar.

Pouco despois, o porto de Vigo sinalou ao 112 Galiza que varios mergulladores descenderan até a cabina, que se atopaba totalmente somerxida, e rescataron do seu interior o corpo sen vida do condutor. Aínda se descoñecen as causas do accidente, se ben as primeiras teses apuntan a unha posíbel indisposición.

Comentarios