O magnate Elon Musk anuncia a súa dimisión como director executivo de Twitter

O magnate estadounidense e novo dono de Twitter, Elon Musk (Foto: Carina Johansen / NTB / dpa).
Musk perdeu unha enquisa organizada por el propio na plataforma na cal preguntaba ás persoas usuarias se debía dimitir do cargo.

O multimillonario Elon Musk anunciou na madrugada desta cuarta feira a súa decisión de renunciar da súa posición como director executivo de Twitter.

Isto aconteceu despois de que Musk perdese unha enquisa organizada e promovida por el propio na plataforma na cal preguntaba ás persoas usuarias se debía dimitir do cargo.

"Renunciarei como CEO [director executivo] tan pronto como encontre a alguén o suficientemente parvo como para aceptar o posto", aseverou Musk en resposta á sondaxe realizada na rede social que se saldou con 57,5% de votos a favor de que abandone o cargo.

Se ben Musk deixará de ser o directo executivo, aínda continuará a ser o dono da empresa. Sostivo ademais que unha vez atope unha persoa que o suceda, tan só dirixirá os equipos de software así como os servidores.

A enquisa publicada polo magnate tiña unicamente dúas opcións, polo que á parte do 57,5% que votou a favor de que abandone o cargo, outro 42,5% mostrouse en contra da súa saída como conselleiro delegado da empresa.

 No chío da consulta, Musk subliñou que acataría os resultados que saísen dela.

A dimisión de Musk como director executivo de Twitter dáse case dous meses despois de que se oficializara o acordo de compra da compañía por 44.000 millóns de dólares (41.000 millóns de euros).

Polémicas

Durante este tempo, o multimillonario viuse envolto en varias polémicas por mor das súas decisións á fronte da rede social, entre as que destaca a recente decisión de prohibir a promoción doutras redes sociais na súa plataforma, que choca coa súa promesa de "defender a liberdade de expresión".

Así mesmo, durante o tempo de Musk como máximo executivo de Twitter, o ex presidente dos EUA, Donald Trump recuperou o acceso á súa conta (suspendida desde inicios de 2021 por promover o asalto ao Capitolio dos Estados Unidos).

Ademais, os perfís de varios xornalistas foron suspendidos por dar supostamente información persoal sobre o magnate.