Luz verde do Parlamento europeo ao permiso de conducir aos 17 anos de idade

Identificación para condutores e condutras noveis. (Foto: Inma Molina)

A Eurocámara avala permitir a condución aos 17 anos se se vai acompañado por condutor experimentado

O pleno do Parlamento europeo avalou esta cuarta feira que a cidadanía europea poida obter o permiso de conducir turismos e camións ao cumprir os 17 anos de idade a condición de que o condutor ou condutora novel vaia acompañado no vehículo por outra condutora experimentada, unha posibilidade que xa se dá nalgúns Estados da Unión Europea como Francia.

Esa é unha das propostas da revisión que propón a Comisión Europea para mellorar a seguridade viaria no espazo europeo que ve con bos ollos a Eurocámara, aínda que a norma definitiva debe ser aínda negociada entre o Parlamento europeo e os Vinte e sete.

Con todo, os condutores e as condutoras sen experiencia terán que superar un período de proba de polo menos dous anos durante o cal estarán suxeitos a algunhas restricións, como límites máis estritos sobre o consumo de alcol e sancións máis altas por condución perigosa.

No mandato negociador adoptado en Estrasburgo (Francia), os eurodeputados e as eurodeputadas avogan por preparar mellor os futuros condutores e condutoras fronte a situacións de condución e riscos reais, con especial atención a colectivos máis vulnerábeis na vía pública, como peóns, nenos ou ciclistas.

Por iso, piden que no exame para obter o carné ademais de avaliar a condución sobre neve ou condicións esvaradías, se teñan en conta situacións como o uso seguro do teléfono durante a condución, os puntos cegos, os sistemas de asistencia á condución e garantir que sexa seguro abrir as portas do vehículo.

Tamén apoian que o permiso para a condución de turismos e motocicletas sexa válido durante 15 anos, e de 5 anos no caso de camións e autobuses. Con todo, rexeitan reducir o período de validez dos permisos para persoas da terceira idade, tal e como defende Bruxelas, porque consideran que pola contra se produciría discriminación e danaría o seu dereito á liberdade de movemento e participación da vida económica e social deste colectivo.

Ademais, apoian que os condutores e as condutoras avalíen a súa propia aptitude para conducir antes da emisión e renovación do permiso e propoñen que sexan os Gobernos quen decidan se esa autoavaliación debe ser substituída por exames médicos que inclúan, por exemplo, o control da vista e as condicións cardiovasculares.