Luz verde do Congreso á regulación do cánnabis medicinal

Planta de cánnabis. (Foto: Nós Diario).
Unha das novidades máis importantes nas conclusións da subcomisión do Congreso é que se abre a porta á dispensación do cánnabis medicinal en farmacias comunitarias.

O Congreso deu esta terza feira o seu visto e prace á regulación do cánnabis medicinal con fins terapéuticos cos votos a favor de PSOE, Unidas Podemos, Ciudadanos, PNV e PDeCAT, a abstención de ERC e Bildu, e o voto en contra de PP e Vox. O BNG non votou xa que non fai parte da subcomisión en que se debateu este tema.

Unha das novidades máis importantes nas conclusións da subcomisión é que se abre a porta á dispensación do cánnabis medicinal en farmacias comunitarias.

O texto final estabelece que a distribución será con fórmulas maxistrais con extractos ou preparados estandarizados de cánnabis, que deberían entregarse "a partir da rede de farmacias do sistema de saúde, con preferencia nas farmacias hospitalarias e explorando a alternativa das farmacias comunitarias que poidan reunir os requisitos".

"Dispor de extractos ou preparados estandarizados de cánnabis como os que están dispoñíbeis noutros países europeos, podería permitir dar resposta a estas necesidades. A existencia de preparados estandarizados, cunha composición definida, supón unha vantaxe en termos de, estabilidade e manexo", argumenta a subcomisión.

En canto ás patoloxías para as que cren que debería estar indicado o cánnabis terapéutico, inclúese a dor oncolóxica e a endometriose, que non estaban previstas no informe de conclusións inicial do PSOE.

Así mesmo, a subcomisión puntualiza que se podería ampliar a outras indicacións terapéuticas "cando os estudos acheguen indicios consistentes". "A evidencia científica dispoñíbel é limitada en relación cos usos terapéuticos do cánnabis e dos seus produtos, e está restrinxida a algúns diagnósticos. A investigación achegará luz para poder dilucidar moitos aspectos no futuro", detallan.

Ao fío, a subcomisión tamén lembra a necesidade de que "se xere máis investigación de calidade neste campo, e que a información xerada nesta investigación sexa a base na toma de decisións".

A súa prescrición

A prescrición deberíase realizar "exclusivamente" por profesionais sanitarios "nun contexto libre de potenciais conflitos de interese, como o que ofrecen os servizos sanitarios", máis concretamente por médicos especialistas. Para iso, piden que se promova a formación no uso terapéutico do cánnabis entre os profesionais da medicina.

A subcomisión tamén aconsellou a posta en marcha dun rexistro centralizado dos pacientes aos que se prescriben e dispensan fórmulas maxistrais con extractos ou preparados estandarizados de cánnabis a partir dos rexistros de cada servizo autonómico de saúde.