O Congreso porá fin esta quinta feira ao voto rogado: así será o novo sistema electoral para as persoas emigradas

O voto rogado tivo un efecto negativo sobre as eleccións galegas: dunha participación de 30% do electorado residente no estranxeiro en 2009 a apenas 1,24% en 2020.
Unha persoa deposita o seu voto nunha urna electoral. (Foto: Europa Press)
photo_camera O chamado voto rogado entrou en vigor en 2011. (Foto: Europa Press)

O voto rogado que desde hai máis de dez anos se exixe ás persoas electoras residentes no estranxeiro, que aínda se vai aplicar nas eleccións andaluzas do 19 de xuño, achégase á súa fin e esta mesma quinta feira o Pleno do Congreso aprobará a súa supresión e substitución por unha serie de medidas destinadas a facilitar a participación dos votantes do exterior.

Tras a acumulación de denuncias de irregularidades co voto das persoas emigradas, os partidos pactaron en 2011 un sistema que obriga os rexistrados no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) a pedir o voto con antelación para poder exercer o sufraxio.

Ese sistema do voto rogado, pactado por PP, PSOE, PNV e CiU, acabou coas sospeitas de fraude, pero tamén provocou o afundimento da participación electoral desde o estranxeiro. Co paso dos anos, até os propios impulsores daquela reforma fóronse arrepentindo e avogaron por dar marcha atrás.

Unha década de participación en cotas mínimas

Máis dunha década despois, a Comisión Constitucional do Congreso aprobou a pasada semana por ampla maioría unha reforma que acaba con ese requisito e no seu lugar introduce modificacións para facilitar que os electores do exterior poidan votar en urna nas embaixadas e consulados, alén do voto por correo, e para asegurar que as súas papeletas cheguen a tempo para o seu escrutinio no Estado español.

A reforma vén dunha proposición de lei presentada en febreiro de 2021 polos dous grupos que sustentan o Goberno, PSOE e Unidas Podemos, e que estivo conxelada por sucesivas prórrogas até o pasado mes de abril. Nas últimas semanas, o seu articulado foi modificado mediante emendas pactadas co PP e outros grupos da oposición. Era unha demanda histórica tamén do BNG, que pedía axilizar os trámites para facilitar o voto do exterior.

No proceso suprimíronse todos os asuntos alleos ao voto rogado desta reforma, como a rebaixa da idade de voto a 16 anos ou a revisión da proporcionalidade do sistema electoral. Esas outras propostas discutiranse na subcomisión creada no Congreso para explorar a posibilidade dunha reforma máis ampla da lei electoral (LOREG).

O ditame tramitouse sen votos en contra e agora aprobarase agora no Pleno para a súa remisión ao Senado, co que se calcula que estará no Boletín Oficial do Estado (BOE) á volta do verán e que xa se aplicará nas próximas eleccións xerais. O novo procedemento para os rexistrados no CERA permitirá que eses electores poidan descargar as papeletas da internet e adiantará o envío tradicional da documentación electoral, co que poderán elixir entre as dúas opcións.

O voto telemático, descartado por "falta de garantías"

Para facilitar a participación electoral, ampliaranse os centros para votación en urna, non só as embaixadas senón todos os consulados e os centros oficiais que se habiliten. E do mesmo modo, ampliaranse os horarios e días de votación.

Nas negociacións desbotáronse outras opcións como o voto telemático e o voto por delegación que defendían as formacións nacionalistas, xa que consideran que non ofrecen suficientes garantías. Aliás, protexerase o envío dos votos emitidos no estranxeiro estabelecendo que se fagan chegar ao Estado español por envío diplomático.

En consecuencia, amplíase dous días o prazo do escrutinio para que as papeletas cheguen a tempo. Outros cambios estabelecen que a Xunta Electoral Central deberá facer un informe das medidas que se vaian tomando e que o CERA se actualizará cada cinco anos para ter máis localizados os electores.

O voto rogado na Galiza

As eleccións galegas foron, e son, unha boa mostra dos efectos da entrada en vigor unha década atrás dese voto rogado. Así, se nos comicios de 2009 participou 30,3% do censo no exterior —máis de 100.000 galegas e galegos—, na última cita electoral, en 2020, a participación caeu a 1,24% —nhas 5.700 persoas—.

Comentarios