'Stop Xenocidio. Palestina vencerá!': estas son todas as mobilizacións en apoio ao pobo palestino convocadas para hoxe

Concentración en apoio ao pobo palestino, o pasado 26 de febreiro, en Vigo. (Foto: Nós Diario)

Máis de trinta vilas e cidades galegas alzarán a voz esta segunda feira en solidariedade con Palestina.

Mar de Lumes, BDS-Galiza, Galiza por Palestina e a Asociación Galaico-árabe Jenin volven convocar novas concentracións nun total de 32 localidades galegas esta segunda feira, 11 de marzo, para reclamar o cesamento do fogo en Palestina e o fin do xenocidio que o Estado sionista de Israel está a aplicar sobre o pobo palestino.

Estes catro colectivos levan desde o 7 de outubro, cando se intensificaron as agresións israelí contra a poboación civil de Gaza e Cisxordania, mobilizando a sociedade galega a través de manifestacións nacionais, mobilizacións comarcais, palestras e demais.

As mobilizacións desta segunda feira decorrerán mentres o número de palestinos e palestinas asasinadas a mans do exército de Israel reborda os 31.000, segundo indicaron no domingo as autoridades gazatís.

En concreto, o Ministerio de Sanidade cifrou en 31.045 as persoas asasinadas e en 72.654 as feridas desde o sete de outubro. Ademais, entre o sábado e o domingo “a ocupación israelí cometeu oito masacres contra familias na Faixa de Gaza, deixando 85 mártires e 130 feridas”.

Con todo, a chamada comunidade internacional segue de costas ao pobo palestino neste conflito, mentres os que non morren a causa dos ataques militares, fano de fame a causa dun bloqueo dos corredores terrestres que impide a entrada de axuda humanitaria.

Os lanzamentos aéreos de alimentos que comezaron a semana pasada sobre gaza ou os plans dos Estados Unidos de América e a Comisión Europea de estabelecer un corredor marítimo coa construción dun porto temporal foron cualificados este domingo como “unha distracción” pola ONG Save the Children. “Hai crianzas morrendo de fame”, lembraron.

“Estes métodos alternativos de entrega de axuda son custosos, ineficaces e unha distracción da solución crítica para salvar as vidas das crianzas e as familias de Gaza”, apuntou Save the Children, antes de asegurar que “a única solución é un cese o fogo inmediato e definitivo acompañado dun acceso seguro e sen restricións da axuda humanitaria a través de todos os pasos fronteirizos e dentro da Faixa”.

Horas e lugares

Baixo o lema ‘Stop Xenocidio. Palestina vencerá!’, acollerán mobilizacións en solidariedade co pobo palestino as seguintes localidades:

  • A Coruña. 20 horas. Obelisco
  • A Guarda (O Baixo Miño). 20 horas. Praza Avelino Vicente
  • Allariz (comarca de Allariz-Maceda). 20 horas. A Barreira
  • Betanzos (As Mariñas). 20 horas. Cantón de Claudio Pita
  • Cangas (O Morrazo). 20 horas. Praza do Concello
  • Carballo (Bergantiños). 20 horas. Praza do Concello
  • Cee (comarca de Fisterra). 20 horas. Praza 8 de marzo
  • Celanova (Terra de Celanova). 20 horas. Praza Maior
  • Compostela. 20 horas. Praza do Toural
  • Ferrol. 20 horas. Praza do Concello
  • Foz (A Mariña). 20 horas. Diante do Concello
  • Lugo. 20 horas. Diante do Concello
  • Melide (Terra de Melide). 20.30 horas. Praza do Concello
  • Monforte (Terra de Lemos). 20.30 horas. Praza de España
  • Noia (comarca homónima). 20.30 horas. Diante do Concello
  • O Barco (Valdeorras). 20 horas. Praza do Concello
  • O Carballiño (comarca homónima). 20 horas. Praza Maior
  • O Porriño (comarca de Vigo). 20 horas. Praza do Concello
  • Ourense. 20 horas. Subdelegación de Defensa
  • Ponteareas (O Condado). 20 horas. Diante do Concello
  • Pontedeume (Eume). 20 horas. Praza do Concello
  • Pontevedra. 20 horas. Praza da Peregrina
  • Redondela (comarca de Vigo). 20 horas. Praza do Concello
  • Ribadavia (O Ribeiro). 20 horas. Praza Maior
  • Ribeira (O Barbanza). 20 horas. Praza de Pablo Neruda
  • Silleda (Deza). 20.30 horas. Praza Siñor Áfranio
  • Val Miñor. 20 horas. Cruce da Ramallosa
  • Verín (comarca homónima). 20 horas. Praza do Concello
  • Vigo. 20 horas. Farola de Urzáiz
  • Vilagarcía (O Salnés). 20 horas. Praza da Galiza
  • Vilalba (A Terra Chá). 20 horas. Praza da Constitución
  • Viveiro (A Mariña). 20 horas. Praza Maior