Os lumes cébanse con Folgoso do Courel, que demanda unha brigada de extinción no municipio

Operativo de extinción dun lume en Folgoso este mes de xuño. (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #lume #indencio #folgosodocourel #extinción #xunta #mediorural #escorrentía
Courel Vivo presentou unha moción para debatir no pleno na que fai fincapé na "desorganización" do servizo de extinción e advirte de que o persoal do equipo máis próximo está preto da xubilación, deixando a localidade a entre "unha e dúas horas" das profesionais en caso de novos incendios.

O último incendio forestal rexistrado en Folgoso do Courel, que decorreu hai escasos días, incrementou a preocupación dunha parte da veciñanza ante o risco que corren sen unha estrutura de extinción con base no municipio ou preto del. O partido Courel Vivo, que vén de presentar unha moción ao respecto para debater no pleno, considera que os grupos representados na corporación deben traballar unidos para exixir que a Xunta -e directamente a Consellaría do Medio Rural- estabeleza a base dunha brigada no concello.

O concelleiro Óscar Carrete comeza o seu escrito alertando de que no que vai de ano, sen tratarse de meses de especial risco, o municipio xa padeceu varios lumes, dous deles de gravidade e o último mesmo estivo preto dalgunha vivenda. Con este punto de partida, lamenta que Folgoso non dispoña da súa propia brigada de extinción e pide unha reorganización do sistema para estabelecer unha base no concello.

Malia que debe agardar á votación do resto da corporación para aprobar a moción e comezar coas demandas ao Executivo galego, Carrete considera "moi mellorábeis tanto os medios para combater os lumes na comarca como as deficientes medidas preventivas por parte das Administracións responsábeis, o Goberno local e a Xunta".

"É inadmisíbel que se intenten normalizar os lumes e que se insinúe que son algúns gandeiros e apicultores os causantes dos mesmos, cando é grazas a eles e ao seu traballo que algúns montes se manteñen limpos e algúns camiños abertos", destaca en relación a algunhas das últimas declaracións ao respecto deste problema recorrente na Galiza.

Mantemento durante todo o ano

Neste sentido, insta a "loitar para que a Xunta dote esta zona cunha brigada para a prevención durante todo o ano e outra de reforzo de seis meses". Non só iso, senón que tamén considera que o equipo de extinción ten que ter base alí ao longo de todo o ano.

Xustifica a súa petición aludindo á máis próxima, que está relativamente preto pero non no municipio e os seus integrantes conseguiron a base "por orde xudicial". Ademais, indica que catro desas persoas que a forman "teñen 60 anos ou máis polo que antes de cinco anos a comarca do Courel pode quedar sen brigada da Xunta".

Recortes da Consellaría de Medio Rural

Carrete, moi crítico coa estratexia de Medio Rural, lembra que "a Xunta desmantelou a caseta de Piapáxaro, anulando no Courel a posibilidade de que un vixiante detectase e coordinase a chegada rápida a un lume" e estima que se quedan sen a equipa próxima, calquera reforzo tardaría "entre unha e dúas horas en chegar".

Así, considera que "restabelecendo ese punto, conseguiríase maior vixilancia e ademais xeraría postos de traballo na zona". "Pouco importan moitas medidas de protección se non veñen acompañadas de financiación e melloras de servizo para a xente que aquí vivimos", remarca.

Ante este panorama, e dado que os incendios van a máis, no texto tamén propón solicitar que se instalen puntos de auga para cargar helicópteros, motobombas ou cisternas en cada unha das aldeas e que o Executivo galego merque "un helicóptero" coa tecnoloxía de "visión nocturna" para poder traballar en sufocar un lume en calquera momento.

Investigación nos terreos afectados

Á marxe desta demanda, técnicas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán visitaron hoxe a localidade para avaliar os danos dese último lume que arrasou 185 hectáreas.

As expertas aseguraron que non semella que haxa "risco de erosión nin de escorrentía" pero hai que vixiar a zona e rexenerar a vexetación a longo prazo.