Para o incendio de Salvaterra, que queimou 352 hectáreas, só había unha motobomba en todo o distrito

Eucaliptos calcinados (Imaxe: Nós Diario)

O incendio que comezou ás 22 horas na noite do pasado sábado no concello de Salvaterra de Miño deixou calcinadas 352 hectáreas, segundo os datos fornecidos pola Consellaría do Medio Rural. Foi este un dos primeiros grandes incendios de xuño, pero, malia as predicións de tormenta, tan só se contaba cunha motobomba en todo o distrito e a caseta do servizo estaba fechada. 


 

 

O 14 de xuño a Xunta da Galiza daba por extinguido o incendio forestal que calcinou 352 hectáreas en Salvaterra de Miño. Un lume que comezou o sábado despois das 22 horas, cando as predicións meteorolóxicas anunciaban vaga de calor e tormenta eléctrica.

Malia isto, advirte a CIG-Administración, mantíñase fechada a caseta do servizo antiincendios e, ademais, "só había unha motobomba de noite en todo o distrito". 

Para o sindicato, é esta unha evidencia máis de que "o operativo nin está preparado para o alto risco, nin tampouco para asumir unha semana de altas temperaturas". Advirte, ademais, de que a Xunta da Galiza non ordenou vacinar o persoal antiincendios, cando se están a producir "lumes propios de agosto".

Nesta liña, asegura que a situación tanto do persoal e da estrutura organizativa, como dos medios do servizo de incendios (SPIF) da Xunta, está "en cueiros" esta tempada.

Máis de 350 hectáreas calcinadas

O incendio de Salvaterra comezou na parroquia de Uma e estendeuse ao municipio de Mondariz e tamén a Covelo. Cara á medianoite do sábado empezou a aproximarse ao núcleo de Maceiras, en Salvaterra, e ás aldeas de Mouriscados, Fontebalán e Crespos, en Mondariz.

Nese momento decretouse a situación 2 e varias persoas tiveron que abandonar os seus domicilios durante toda a noite.

Segundo a Consellaría de Medio Rural, finalmente mobilizáronse 12 axentes, 38 brigadas, 23 motobombas, dúas pas e dous helicópteros. A forte calor (máis de 30 graos) e o vento dificultaron o control do lume, que se estendía pola zona de Mondariz.

A Xunta valorou en 134.000 euros o que lle supuxo apagar este incendio.