O incendio forestal declarado na madrugada do sábado en Folgoso do Courel continúa activo e alcanza xa as 160 hectáreas, mentres que nas últimas horas declarouse outro en Salvaterra de Miño que leva arrasadas 250 hectáreas.
Este último, segundo informa a Consellería do Medio Rural, iniciouse ás 21.51 horas da noite do sábado na parroquia de Uma, aínda que agora tamén afecta o municipio veciño de Mondariz.
Dada a magnitude deste lume e á súa rápida propagación ao longo da noite, chegouse a declarar a situación 2 ao redor da unha da mañá pola proximidade das chamas ao núcleo de Maceiras, en Salvaterra, e posteriormente aos de Mouriscados, Fontebalán e Crespos, en Mondariz. Con todo, esta medida quedou suspendida ás 7.26 horas da mañá deste domingo.
As últimas estimacións de Medio Rural sitúan a superficie queimada por este incendio nunhas 250 hectáreas. Para o seu control, mobilizáronse até o momento oito axentes, 26 brigadas, 15 motobombas e dúas pas.
En canto ao incendio de Folgoso do Courel ─que afecta á parroquia homónima─, continúa activo desde que se iniciou ás 4.50 horas da madrugada do sábado mais xa estaría controlado desde a madrugada desta segunda feira
Segundo as últimas medicións provisionais, afectou unha superficie dunhas 160 hectáreas. Até o momento, mobilizáronse un técnico, 10 axentes, 30 brigadas, 14 motobombas, unha pa, sete avións e dous helicópteros.