Os lumes que afectan doce municipios xa arrasaron máis de 7.500 hectáreas

Imaxe do lume que chegou á Mezquita. (Foto: Xunta de Castela e León)
O Executivo galego colabora coa Xunta de Castela e León para controlar un incendio transfronteirizo que afecta ao municipio da Mezquita. A estas horas aínda non trascendeu a superficie queimada na parte afectada no país.

Os grandes incendios xurdidos entre o sábado e hoxe, que xa afectan a doce municipios, levan arrasadas unhas 7.546 hectáreas de terreos forestais. É o dato que ten, polo momento, a Consellaría do Medio Rural, que indica que a situación mellorou porque se desactivou a alarma pola proximidade das chamas aos núcleos habitados en Cualedro.

Se esta mañá se retiraba a alerta por 'Situación 2' en Rairiz de Veiga, xa se deu o mesmo avance en Cualedro.

No entanto o traballo dos brigadistas, dos técnicos e dos medios aéreos non rematou. Siguen activos e sen controlar os focos destes dous primeiros concellos, así como o de Vilariño de Conso, Lobios, Vilar de Barrio, Chandrexa de Queixa, Vilardevós, Laza, Manzaneda e Muíños.

Segundo o último parte da Xunta, só quedaron estabilizadas as frontes da Gudiña e Maceda, pero continúan activos.

Os lumes de maior envergadura son os de Vilariño de Conso (2.000 hectáreas), Lobios (2.000 hectáreas) e Cualedro (1.300 hectáreas). A propia alcaldesa de Lobios revelaba esta mañá a súa preocupación polo dano causado ao Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés.

Quer o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quer o conselleiro do Medio Rural, José González, insistiron en que todos os lumes foron intencionados. Así mesmo advertiron ás ou aos culpábeis que investigarán até dar con eles.

As brigadas e a Unidade Militar de Emerxencia (UME), que traballaba xa no Xurés cando foi requerida pola Xunta para axudar en outros dos focos, continúan traballando a pleno rendemento para intentar frear o avance das lapas.

De feito, os equipos dependentes da Xunta colaboran con persoal de Castela e León para pór fin ao lume que afecta aos municipios limítrofes de A Mezquita e Hermisende.

Deste suceso aínda non se facilitaron cifras de superficie queimada. Sábese que afecta á parroquia galega de Cadavós e que se declarou ás 12.24 horas no país.