Os lumes iniciados esta fin de semana xa arrasaron arredor de 6.700 hectáreas de monte

Imaxe de arquivo dun lume en Navia de Suarna. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
A Consellaría de Medio Rural mantén a alerta de nivel 2 no concello de Cualedro. Xa a retirou en Rairiz de Veiga, onde polo momento nin a veciñanza nin as vivendas corren risco de ser alcalzadas. O conselleiro xa fala de lumes "intencionados" na maioría dos casos.

Once lumes rexistrados en distintos municipios, algúns deles próximos, calcinaron desde que se declararon e até as 9.00 horas de hoxe unhas 3.200 hectáreas. As últimas informacións recibidas por este diario xa falan, após a nova información recollida, na última hora de 6.700 hectáreas. En Cualedro, o lume que afecta á parroquia de Montes aínda mantén activada a alerta de "situación 2" pola proximidade das lapas ao núcleo habitado de Carzoá.

A Consellaría do Medio Rural destacou de que o maior incendio é o que afecta ao termo municipal de Lobios, en concreto ao Parque Natural da Baixa Limia - Terra do Xurés, con preto de 1.000 hectáreas calcinadas.

O lume de Vilariño de Conso ten 600 hectáreas queimadas, segundo as últimas estimacións dos equipos técnicos. Outros dous, o de Cualedro -que continúa coa alerta por proximidade a vivendas- e o de Vilar de Barrio, levan arrasadas máis de 500 hectáreas.

O de Rairiz de Veiga, na parroquia de Sabariz, afectou a 260 hectáreas, pero o positivo é que xa se retirou a alarma pola proximidade da fronte a localidades habitadas. No caso de Vilar de Barrio, desapareceron xa arredor de 700 hectáreas de terreos forestais.

En Chandrexa de Queixa o cómputo, cos equipos de emerxencia aínda no lugar, é dunha superficie calcinada de 400 hectáreas. Na Gudiña, o lume pasou por unhas 150 hectáreas de monte.

No caso de Manzaneda, na parroquia de Cernado, hai queimadas unhas 100 hectáreas, e en Vilardevós abéirase esa cifra (80). No suceso de Ribas de Sil van máis de 20 hectáreas queimadas (é a cifra a partir da que a Consellaría de Medio Rural informa aos medios de comunicación) e en Laza segue activo outro incendio que avanzou 60 hectáreas.

Nas últimas horas, os medios de extinción lograron estabilizar os dous incendios rexistrados no municipio de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro, e que finalmente se uniron nun único lume que danou as plantacións de 100 hectáreas.

O de Cuntis segue controlado e dáse por estinguido o foco que se detectara en Quiroga logo de que as lapas deixaran sen vexetación 53 hectáreas.

Investigar a culpabilidade

O conselleiro do Medio Rural, José González, asegurou que case con total seguridade todos os incendios foron "intencionados". "Fanse nun momento no que comunícase que haberá chuvias e son incendios que se colocan nos sitios nos que saben que o vento vai provocar moitos danos", incidiu.

"Xa está ben, non se pode permitir isto. Temos que acabar con esta lacra dos incendiarios", subliñou, advertindo de que a Xunta porá todos os medios dispoñíbeis para investigar e dar coas ou os culpábeis.