Crise dos pellets | Entrevista

Luís Pérez, alcalde de Ribeira: "A Xunta optou por non poñer recursos e agochar a crise dos pellets"

O rexedor de Ribeira, Luís Pérez Barral. (Foto: Nós Diario)

Luís Pérez Barral (1990) é o alcalde de Ribeira, unha das localidades do Barbanza máis afectadas pola chegada dos pellets e cunha actividade pesqueira máis importante. Nesta entrevista a Nós Diario analiza a situación creada polos granulados e a resposta do Goberno municipal.

—Cal é neste momento a intensidade dos pellets no litoral de Ribeira e con que perspectivas traballan desde o Goberno local?
Detectamos maior intensidade deste granulado plástico nas praias con máis exposición ao Atlántico, pero nas últimas horas xa detectamos bastante naquelas do interior da ría. Na quinta e sexta feira tiñamos moitos pellets nas praias, mais a partir da noite da sexta, co temporal, unha parte importante do granulado ficou soterrado na area e outra parte levouna o mar para fóra.

A Xunta da Galiza comprometeuse con nós a limpar as praias do Vilar e da Ladeira, no Parque Natural de Corrubedo, e eses traballos vainos facer Tragsa. Antonte, o Goberno local de Ribeira chegou a un acordo coa aseguradora do buque que perdeu o cargamento de pellets, mediante o cal esta asume a limpeza do resto das praias, contratando para eses traballos persoal de Ribeira.

—Sinalaba anteriormente os avances que se teñen dado nas últimas horas para realizar con máis eficacia os traballos de limpeza nos areais de Ribeira, mais con que medios contaron nas primeiras semanas?
Até que Tragsa comezou a ir ás praias do Vilar e da Landeira, ás que debeu ir dúas ou tres veces, todo o traballo que se fixo foi por parte do grupo municipal de emerxencias, que continúa monitorizando a zona. Contamos tamén con brigadas a pé que percorren todos os días as praias para atopar sacos e usamos tamén drones cando as condicións meteorolóxicas nolo permiten, para comprobar se hai sacos naquelas zonas máis rochosas. Antonte atopamos catro sacos por este sistema na zona do Corgo, en Corrubedo.

Non houbo unha coordinación dos efectivos que se mandaban aos concellos desde a Xunta. Até hai catro días non comecei a recibir chamadas conforme se ían limpar as praias. Botei en falta  coordinación por parte da Xunta.

Preocupa que nesta situación, a conselleira de Medio Ambiente viñera a Ribeira e nin chamara para unificar esforzos. A única vez que tiven contacto directo cun cargo da Xunta -a directora xeral de Patrimonio Natural- foi porque a atopei, de casualidade, dando unha rolda de prensa na praia. A pesar das miñas reiteradas peticións de coordinar os labores de vixilancia e limpeza, a Xunta optou por non poñer recursos e por centrar esforzos en agochar a crise ambiental.

—Ribeira é un centro neurálxico da actividade pesqueira, cunha importante frota e sector marisqueiro, pódese ver afectado?
É un problema ambiental que hai que atallar. Temos uns produtos marisqueiros e pesqueiros de excelente calidade e non podemos permitirnos que as augas se contaminen cos plásticos. A Xunta tentou ocultar o problema. Despois, cando saltou mediaticamente, trataron de minimizalo.

Manipularon a realidade, baixando as brigadas da Xunta a limpar praias exclusivamente cando tiñan cámaras de televisión diante, e unha vez marchadas as cámaras marchaban as brigadas. Isto pasou en Muros e en Ribeira. A Xunta deu bandazos e quedou á intemperie cando outras autonomías aplicaron o plan de continxencias marítimas no primeiro momento.