Como recolle o estudo, 14,1% das probas que se fixeron na Galiza mostraron resultado positivo, mentres que 17,5% de profesionais de enfermaría entrevistadas manifestaron ter sufrido síntomas, unha cifra sensibelmente inferior á media global, de 29%.
De acordo con este informe, máis da metade das profesionais galegas da enfermaría sondadas (57,5%) di ter recibido "pouca" formación para a atención de pacientes con COVID-19, e outro 23,5% manifesta que non tivo ningunha clase de formación.
Sobre a dispoñibilidade de material de protección para realizar o seu traballo, a enquisa revela que máis de dous terzos das enfermeiras galegas participantes ven "pouco" o material do que dispón a súa unidade e 3,9% afirma que non ten "nada". A respecto dos EPI –os Equipos de Protección Individual–, un terzo das profesionais galegas (32,2%) apuntan que non recibiron ningún tipo de adestramento no seu manexo, mentres que 55,6% delas consideran que esa formación foi "escasa".
Esta mesma semana, os catro Colexios Oficiais de Enfermaría da Galiza trasladaron á Consellaría de Sanidade unha serie de necesidades, entre as que se conta a dotación de material e equipos de protección adecuados ao conxunto profesional da sanidade, con "formación apropiada" para a súa utilización.
Entre as reclamacións, os entes profesionais piden ademais que se "continúen realizando" tests diagnósticos ás e aos profesionais sanitarios que teñan sufrido riscos de contaxio polo desenvolvemento da súa actividade profesional, así como o cumprimento de medidas preventivas de corentena, e "agradecen" á Xunta que teña cambiado de protocolo para a incorporación de sanitarias tras un contaxio por coronavirus, que agora require un resultado negativo para a alta.
No informe do Consello Xeral da Enfermaría, as traballadoras galegas suspenden tanto o Goberno español (cun 4,09) como á Xunta (4,38) na xestión desta crise sanitaria, se ben con notas que están, nos dous casos, por riba da media da enquisa.