"Feixoo desmantelou sistematicamente a Atención Primaria"

Manifestación de médicos de atención primaria en Compostela en outubro pasado (Nós Diario)

Xosé Dios, médico e membro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública carga contra as políticas do presidente da Xunta desde "cinco días despois de tomar posesión", no Día Mundial da Atención Primaria.

Esta segunda feira, 13 de abril, celébrase o Día Mundial da Atención Primaria nun contexto, o da pandemia da COVID-19, onde os profesionais médicos salientan aínda máis a necesidade de que este servizo sexa o máis forte posíbel.

Neste sentido, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública afirma que "é o recurso sanitario fundamental para garantir unha atención de saúde universal, accesíbel, continuada e equitativa a toda a poboación".

Nun comunicado emitido co gallo desta xornada, a asociación destaca que a Atención Primaria en situacións de emerxencia sanitaria como a actual é "esencial" para "identificar a poboación de risco", "evitar novos contaxios", "tratar as persoas afectadas nos seus domicilios", "evitar traslados innecesarios", "informar a poboación", "evitar os colapsos e os riscos de acudir aos centros" e "tratar outras patoloxías que continúan afectando as persoas".

"Campaña de descrédito"

Nestes días, a nivel de de todo o Estado, atendéronse mais dun millón de demandas asistenciais, din desde a asociación, que alerta de que os feches de centros de saúde oculten unha "nova tentativa" de privatizar este nivel asistencial.

Ademais, denuncian que "desde diferentes ámbitos políticos e sanitarios", púxose en marcha unha "intensa campaña" destinada a "desacreditar" o sistema sanitario público.

Ao respecto, agardan que o "apoio manifestado diariamente con aplausos e outras mostras de recoñecemento", permita impulsar despois da pandemia medidas para "recuperar os recursos recortados por [o presidente da Xunta, Alberto] Núñez Feixoo".

"Incumprimento legal"

Segundo Xosé Dios, médico de Atención Primaria no centro de saúde de Outes e membro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, produciuse un "desmantelamento sistemático desde a chegada do Goberno de Feixoo".

"Cinco días despois de tomar posesión eliminou o Plan Galego de Mellora da Atención Primaria, que estaba acordado entre todos os sindicatos, partidos, asociacións profesionais e científicas", apunta.

Un programa elaborado co Goberno bipartito (PSOE-BNG, 2005-2009) onde "todo aquel que quixo participar participou" e que "facía fincapé no tema profesional, de material, novos centros de saúde que facían falla…".

"Feixoo eliminouno aos cinco días malia as normas que obrigan os Gobernos a cumprir o xa acordado", engade, e "posteriormente, fóronse retirando orzamentos ano tras ano de Atención Primaria ─de aí os conflitos, tanto de Vigo como en Compostela, e as folgas─", conclúe.