Loita contra o cancro: igual para todos, mais non todos iguais fronte ao cancro

Imaxe dunha mamografía para detectar o cancro de mama (Imaxe: Europa Press)
Doentes e colectivos de loita contra o cancro revelan as desigualdades que existen no acceso a contornos saudábeis, ao diagnóstico precoz e a tratamentos tanto de atención psicolóxica como de coidados paliativos.

Na Galiza, en 2021, diagnosticáronse perto de 20.000 novos casos de cancro. É un dos territorios do Estado con maior incidencia. Dos tumores detectados, 42% fórono en mulleres e 58% en homes.

Os casos seguirán en aumento nos próximos anos segundo as previsións da Rede Española de Rexistros de Cancro, unha suba que pon o foco na prevención de cara unha maior supervivencia, un obxectivo que a Asociación Española contra o Cancro sinala como prioritario de aquí a 2030.

Aspiran a unha supervivencia media de 70%, unha meta que pasa por impulsar a investigación e garantir o acceso dos pacientes aos seus resultados.

Cada ano, no conxunto do Estado, unhas 100.000 persoas son diagnosticadas con un tipo de temor de baixa supervivencia. Non afecta a todos os cancros. Nas últimas catro décadas moitos gañaron tempo de vida grazas a un diagnóstico precoz e a nos tratamentos. Pero hai outros cuxos prognóstico permanecen estancados.

Isto desfai "a equidade na investigación e no acceso aos seus resultados", a punta Marcos Calvo, psicólogo da Asociación Española contra o cancro en Compostela, quen avoga por expandir a investigación para "igualar" as opcións de todos os doentes e mellorar o coñecemento e o tratamento de todos os tipos de cancro e non só dos máis frecuentes.

Inequidade

Na loita contra o cancro, "inflúe o tumor que che toca pero tamén o código postal". "Non é o mesmo ter que desprazarse durante dúas horas para chegar ao hospital que che toca, que vivir nunha cidade a poucos minutos dese centro", máis cando as visitas son frecuentes e os gastos elevados para darlle continuidade ás consultas e aos tratamentos.

O cancro supón numerosos gastos directos e indirectos para as pacientes e as súas familias, advirte Marcos Calvo. Para o 41%, esta enfermidade provoca un custo económico superior aos 10.000 euros, inasumíbeis para perto de 30.000 persoas diagnosticadas en situación de vulnerabilidade.

"Non é o mesmo ser home ou muller, traballar por conta allea ou ser autónomo. As mulleres teñen unha situación de vulnerabilidade laboral maior, e tamén os segundos, se enfrontan a unha perda de ingresos que vai condicionar a propia doenza".

Na Galiza, máis de 1.500 persoas atópanse en situación laboral de risco por un diagnóstico de cancro, na súa maioría, traballadores e traballadoras por conta propia  ou en situación de desemprego.

Acceso aos recursos asistenciais 

A inequidade tamén se aprecia no acceso aos servizos asistenciais: unidades de hospitalización  a domicilio, atención psicolóxica e coidados paliativos. Hai áreas xeográficas que quedan fóra da asistencia a domicilio e pacientes privados de unidades de paliativos na recta final da enfermidade. A protección é menor.

Segundo denuncia a Asociación Española contra o Cancro, España está a cola das ratios recomendadas, con 0,6 unidades por cada 100.000 habitantes, cando a Asociación Europea de Coidados Paliativos indica, para unha atención adecuada, polo menos dúas unidades.

Tamén polo que respecta á atención psicolóxica, son sempre accesíbel a través da sanidade pública. 

Investigación

Desde a Galiza, a Asociación Española contra o Cancro apoia a investigación de tumores "con menos interese comercial" cun investimento de 1,2 millóns de euros destinados a 17 proxectos.

A investigación é clave, incide Marcos Calvo, mais tamén dar a coñecer os cribados específicos para un diagnóstico precoz de diferentes tumores, cuxa participación cómpre aumentar. E en plena pandemia, engade, tamén é vital que ninguén quede con dúbidas nin na casa ante calquera sospeita. "Se hai quen non dorme polas noites e precisa respostas, pode chamar ao 900 100 036, dispoñíbel as 24 hora os 365 días do ano".