En 2021 detectáronse na Galiza perto de 20.000 tumores, sobre todo colorrectais

Atlas da mortalidade do cancro en España e Portugal (2003-2012)
No Día Mundial contra o Cancro sociedades médicas e científicas alertan dun incremento dos novos casos nos próximos anos. A mellor resposta, concordan, prevención e investigación. Mais tamén equidade no acceso a tratamentos e coidados paliativos e psicolóxicos. O código postal, din, afecta máis que o xenético na loita contra o cancro.

En 2022 rexistraranse 280.100 novos casos de cancro en todo o Estado. Esta cifra, estimada pola Rede Española de Rexistros de Cancro, supón unha suba a respecto do ano pasado, perto de 4.000 tumores novos que afectarán máis aos homes (160.066) que ás mulleres (120.035). Na Galiza, en 2021, foron detectados, segundo a Asociación Española contra o Cancro (AECC), perto de 20.000 tumores.

O informe As cifras do cancro en España 2022, editado pola Sociedade Española de Oncoloxía Médica, augura un "aumento continuo de novos casos" nos próximos anos, aos que haberá que sumar o impacto polo atraso de novos casos non diagnosticados durante a pandemia.

Os tumores diagnosticados con máis frecuencia ao longo dos próximos meses serán os de colon e recto, mama, pulmón, próstata e vexiga, seguidos a moita distancia dos linfomas non hodgkinianos, páncreas, ril, farinxe, estómago e fígado. Entre os homes, o de próstata será o máis común con perto de 31.000 novos casos. Entre as mulleres, o de peito, con perto de 35.000 diagnósticos máis. Por detrás destes, o cancro colorrectal e de pulmón serán os máis frecuentes en ambos dos dous grupos.

Vida saudábel e prevención

Con todo, a comunidade experta avisa dun aumento da incidencia doutros tumores relacionados co tabaco, como os de cavidade oral, farinxe ou vexiga urinaria.

Segundo a OMS, un terzo das mortes por cancro están relacionadas con cinco factores de risco evitábeis. O tabaco está detrás de 15 tipos distintos. É responsábel de até un 33% dos tumores e de até 22% das mortes asociadas. Mais a obesidade, as infeccións, o alcol, o sedentarismo e a dietas inadecuadas xogan en contra dunha boa prevención.

"Hoxe sabemos que o peso dos factores hereditarios é moi baixo. Apenas representan 7%, pero preocupan moito. Teñen maior incidencia os factores ambientais", advirte Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Compostela, en declaración a Nós Diario.  

"Se fósemos capaces de quitar o tabaco, reducir moito o alcol e facer exercicio físico reduciríaos entre 30 e 40% os cancros". Non descoida a alimentación, pero admite que é "moi difícil de modificar". E pon como exemplo o cancro de estómago, máis frecuente no litoral atlántico da Galiza, Portugal, Castela e Euskadi que no Mediterráneo. "Hai moitas hipóteses que tratan de explicar esta diferenza, pero non podemos dicir que comer unha cousa ou outra favoreza ese tipo de tumor", conclúe López. Como líder do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional del Insituto de Investigación Sanitaria de Compostela, Rafael López avoga por unha vida saudábel e por potenciar a investigación.

Supervivencia

Para a Asocaición Española contra o Cancro (AECC), alcanzar 70% de supervivencia en 2030 é unha prioridade. E para iso a investigación é clave. Cada ano, perto de 100.000 persoas son diagnosticadas con un tipo de tumor cuxa supervivencia é baixa ou está estancada. 

Os prognósticos son moi dispares. "Hai tumores, como o de testículos, que supera o 95% de supervivencia. E outros, como o de páncreas, que baixa de 5%", detalla López. A estes tumores, o psicólogo da AECC en Compostela, Marcos Calvo, engade os de esófago, fígado ou pulmón, cancros con diagnósticos serodios e faltos de tratamentos eficaces. Pero fai fincapé no colorrectal, e na importancia de incrementar a taxa de participación no cribado poboacional, ancorada en 46%.

Investíganse todos, pero máis os habituais. "Hai que pensar que dous terzos da investigación vén de mans privadas, que sobre todo buscan rendabilidade", recoñece Rafael López. Con todo, "o diñeiro público e académico chega a todos os tumores en todas as circuntancias", remacha.

E pon o foco na medicina de precisión, unha iniciativa que puxo en marcha a Administración Obama e que comeza desenvolverse en Europa malia o freo da crise económica á mellora dos tratamentos dirixidos. "É necesario facer un esforzo para avanzar na oncoloxía de precisión, que se basea no diagnóstico precoz a través de biomarcadores, no tratamento con fármacos novos e na prevención", conclúe o oncólogo Rafael López. 

O primeiro atlas do cancro na Península Ibérica retrata a Galiza e Portugal

O Instituto de Saúde Carlos III e o Instituto Nacional de Saúde Dr. Ricardo Jorge veñen de presentar o primeiro Atlas da mortalidade do cancro en España e Portugal (2003-2012), unha serie de mapas que revelan o variacións do risco de morte compartidas por ambos os dous territorios. Son moitas as semllanzas. O exceso de risco de morte por cancro de esófago é moi semellante na Galiza e Portugal, e esténdese polo norte da Península Ibérica. A fronteira non supón ningún atranco para este tumor. Tampouco o de larinxe ou páncreas, cun risco elevado. A supervivencia do cancro de esófago sitúase na contorna de 13% entre os homes e de 16% entre as mulleres. O consumo de alcol, combinado co tabaco, e multiplica por 30 o risco de desenvolvelo en ambos os dous casos.