Lobios homenaxea tres pilotos falecidos en labores de extinción de incendios

Helicóptero accidentado durante tarefas de extinción en Lobios (Foto: Nós Diario).
Na homenaxe colocouse unha escultura do artista de Lobios Toño Monteiro, discípulo do escultor, pintor e escritor Xaime Quessada. A peza representa a figura dun avión facendo unha descarga de auga e persoal en terra realizando a extinción dun incendio.

A Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia (Aprafoga) organizou esta sexta feira , día 17 de marzo, en Lobios (comarca da Baixa Limia), unha homenaxe a todas as persoas que deron a súa vida na defensa do patrimonio natural e, en especial, a todos os que loitaron na extinción dos incendios forestais.

No acto, que ten lugar na parroquia de Vilameá, descubrirase unha placa cos nomes dos tres últimos pilotos de aeronaves falecidos, dous perderon a vida na Serra do Xurés no ano 2020, cando se accidentou un hidroavión foca na zona de Santa Eufemia; e o terceiro morreu o ano pasado mentres pilotaba un avión de carga en terra na zona de Pena Trevinca.

Os tres homenaxeados son Jorge Manuel Santana Jardim (Portugal), Maximiliano Plaza Bretón (Salamanca) e Santiago Durán Alzugaray (Sevilla), destacou Aprafoga nun comunicado.

Na homenaxe colocouse unha escultura do artista de Lobios Toño Monteiro, discípulo do escultor, pintor e escritor Xaime Quessada. A peza representa a figura dun avión facendo unha descarga de auga e persoal en terra realizando a extinción dun incendio.

Loita pola defensa do medio ambiente

Ademais, descubrirase unha placa coa inscrición dos nomes dos tres pilotos falecidos para agradecer a súa loita pola defensa do medio ambiente e terá lugar unha ofrenda floral.

Aprafoga destacou que asistirán numerosas autoridades e profesionais do sector, así como familiares, amigos e compañeiros dos falecidos. Ademais, participará o Instituto da Conservação da Natureza e das Forestas (Rexión norte); bombeiros voluntarios de Ponte da Barca; a Cámara Municipal de Ponte da Barca; así como representantes da Consellaría do Medio Rural e da Subdelegación do Goberno estatal, entre outros.