A Consellaría de Medio Rural vén de informar dun incendio forestal iniciado na parroquia de Manín (Lobios) ás 19.15 horas desta cuarta feira, un lume que afectou o territorio do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
O lume estaba estabilizado desde as 19.47 horas e, segundo anunciou o servizo de extinción de incendios da Xunta, foi controlado contra as 20.30 horas, e finalmente extinguido apenas uns minutos despois.
A superficie afectada roldaría, segundo as primeiras estimacións, as 0,07 hectáreas de monte raso dentro deste parque natural, se ben nun primeiro intre o Goberno galego falaba de "perto dunha hectárea". Mobilizáronse dous axentes, unha brigada e unha motobomba.
Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que se debería chamar en caso de detectar algún incendio forestal.
6,5 hectáreas calcinadas na Mezquita
Por outra parte, o xornal La Región informou na tarde desta cuarta feira dun segundo lume no concello da Mezquita, que afectou perto de 6,5 hectáreas.
O lume, segundo indica este medio, orixinouse ás 13.11 horas e declarouse extinguido contra as 16.15 horas desta mesma cuarta.
Nesta ocasión mobilizáronse dous axentes, cinco brigadas, dúas motobombas, tres helicópteros e dous avións.